A Mesa esixe que a Xunta “aplique de inmediato os acordos existentes” sobre a lingua

Marcos Maceira sinala que “o fracaso da política lingüística débese ao incumprimento dos acordos” e critica que na vez de actuar nese sentido o Goberno fale de "consensos".

photo_camera Mobilización polo galego.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, criticou que a Xunta de Galiza apele ao consenso sobre a lingua galega cando "non cumpre" os acordos aprobados por unanimidade no Parlamento como o Plan Xeral de Normalización Lingüística. 

"O Plan Xeral de Normalización Lingüística é un punto de partida polo que se debe comezar. O que non vale de nada é facer apelacións constantes ao consenso cando os acordos existen e o único que fai falta é aplicalos inmediatamente", sinalou nunha entrevista en RNE.

Maceira insistiu en que a Xunta de Galiza debe "comezar a aplicar" o Plan de 2004 e advertiu que A Mesa "non apoiará nada" que rebaixe as medidas incluídas nesa norma. "O fracaso da política lingüística non está baseado en cumprir os acordos que se foron alcanzando, senón en non aplicalos", sinalou.

Pola súa parte, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación, pediu "deixar de pelexar todos os días polo galego", idioma que reivindicou como "de todos". 

Comentarios