A Mesa aposta por estender a idea do consumo lingüístico responsábel

Ferrol acolleu a asemblea xeral ordinaria da organización que preside Carlos Callón. Un alto no camiño para coller folgos, recapacitar e pular na defensa do idioma. Entre outras decisións, atar en curto á Xunta para velar que cese na política agresiva para co galego; ou ben recuperar a revista 'LongaLíngua'.

photo_camera @XCotelo

A afiliación á Mesa pola Normalización Lingüística analizou o traballo desenvolvido neste último ano, para alén de trazar as liñas estratéxicas das tarefas e obxectivos a realizar nos vindeiros meses, así como debater informes económicos e de xestión. O presidente da MNL, Carlos Callón, cualificou de “frutífera” e “positiva” a asemblea que decorreu este sábado en Ferrol.

"Valoramos positivamente a resposta e mobilización da cidadanía galega na defensa do seu idioma"

“Valoramos a liña de traballo, de compromiso, para combater a negación por parte desta Xunta dos dereitos lingüísticos aos galego-falantes”, manifestou o ribeirense. Neste sentido, valora as sentenzas dos TSXG que supuxeron unha labazada a propostas do Executivo Feijóo como o 'decretazo'. “Estaremos atentos a que a Xunta cumpra con esas sentenzas, e non descartamos abrir novas vías xudiciais para defender o galego”. Callón, neste punto, engade: “Mesmo [non desbotamos] denunciar a nivel internacional o que acontece”, pois na súa política lingüística, prosegue Callón, “están a vulnerarse convenios internacionais”.

Outras cuestións que se valoraron positivamente foi que a cidadanía continúa a respostar na defensa do idioma propio do país. “Somos unha organización sen grandes medios económicos, modesta, mais o nivel de mobilización é alto”, dixo.

O galego, tamén prioritario na cesta da compra

A Rede de empresas abertas ao galego, da que fan parte 90 empresas, foi outro dos temas sobre os que se falou na asemblea da Mesa. “Puxémonos dous retos: dar un salto canto a empresas asociadas e estender na sociedade a idea do consumo lingüístico responsábel, que se aposte polo que estea en galego”.

Mais non serán estas as únicas tarefas a realizar nos vindeiros meses. Así, impulsarán unha nova campaña, 'Actívate. Defende os teus dereitos lingüísticos', para os e as cidadáns teren ferramentas para unha defensa activa dos seus dereitos no eido do idioma. Outro proxecto que se puxo sobre a mesa sería o da recuperación da a revista LongaLíngua.

Ferrol, moito por coñecer (e saber)

Como broche de ouro a esta xornada, e após o xantar, A Mesa organizou un roteiro guiado pola cidade de dúas horas de duración, unha iniciativa “para coñecermos o patrimonio arquitectónico urbano de Ferroll”.

Comentarios