COMPROMISO CO IDIOMA

Lugo contará cunha ordenanza de uso do galego

A aprobación desta ordenanza suporá un avance importante á hora de normalizar o uso da lingua na administración local
A cidade de Lugo, en galego
photo_camera A cidade de Lugo, en galego

O Tenente-alcalde do Concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao, presentou o que será a Ordenanza de uso do Galego na Administración Municipal de Lugo. A ordenanza será aprobada no vindeiro pleno do concello de Lugo e contará, segundo Antón Bao, “co apoio de todos os grupos políticos con representación no pleno”. Bao destacou que “é moi importante o consenso de todos os grupos políticos á hora de aprobar esta cuestión xa que a lingua de todos non debe ser unha arma de debate político” e aproveitou para “agradecer a colaboración e o traballo dos voceiros de todos os grupos, tanto do goberno como de oposición, para elaborar este documento e chegar a acordos sempre coa mellor das predisposicións”. Bao personalizaou na persoa de Arcadio Silvosa, vice-voceiro do PP, o seu agradecemento pola súa participación neste proceso.

O concello de Lugo terá, a través desta ordenanza, unha ferramenta para desenvolver a Lei de Normalización Lingüística de Galiza, Antón Bao indicou que “con esta ordenanza, o concello de Lugo, amplìa o seu grao de acciòn e preséntase como impulsor do incremento da presenza do galego na sociedade lucense”.

No ámbito de aplicación da norma está previsto que sexa a totalidade de departamentos e actuacións do Concello de Lugo e todos os organismos que del dependan -padroados, organismos autónomos, sociedades autónomas municipais, etc... O regulamento tamén se aplicará a todas as empresas adxudicatarias ou concesionarias do concello, así como ás de explotación mixta.

No documento, presentado hoxe, queda estipulado que o Concello de Lugo manterá un Gabinete de Normalización Lingüística co obxectivo de impulsar a normalización lingüística a tódolos niveis e coordinar as accións necesarias para dar cumprimento ó espírito do propio regulamento.

Comentarios