mércores 28/07/21

A iniciativa Xabarín entra no Parlamento

33.000 sinaturas reivindican unha canle 'Xabarín' co fin de incrementar a oferta audiovisual en galego dirixida ás crianzas.
A Mesa logra máis de 33.000 sinaturas para a Iniciativa Xabarín
A Mesa logra máis de 33.000 sinaturas para a Iniciativa Xabarín

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de entregar no Parlamento 33.000 sinaturas en apoio da Proposición non de lei de iniciativa popular que insta a tomar medidas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada ao público infantil e xuvenil mediante a creación dunha canle 'Xabarín'.

En total, a entidade en defensa da lingua presentou na Cámara galega 33.008 sinaturas que, en palabras de Marcos Maceira, presidente da Mesa, reflicten o "éxito social" da iniciativa Xabarín en favor dunha programación audiovisual atractiva, actual, educativa e de produción galega; dispoñíbel en todas as plataformas dixitais mais nunha app accesíbel desde todos os dispositivos, actualizada e dotada de xogos e programas.

Un problema de oferta

"Este éxito foi posíbel grazas a todas as persoas asinantes mais tamén á implicación de estabelecementos comerciais, de hostalaría, entidades sociais e persoal voluntario malia as dificultades do contexto sociosanitario. Isto demostra que o problema do galego non é de demanda, senón de falta oferta", declarou Maceira.

A día de hoxe, a TVG é a única canle que dá a oportunidade de que exista programación en lingua galega dirixida a públicos de todas as idades. Unha limitación que reduce a oferta en galego para a poboación máis nova "a 4,6% durante a semana e a 2,7% na fin de semana" detallou.

Esta é a realidade que busca mudar a Iniciativa Xabarín. "Por iso pedimos que as plataformas dixitais teñan contidos tanto de produción galega como dobrados e lexendados ao galego", incide o presidente da Mesa.

Co obxectivo de consolidar as aspiracións da iniciativa Xabarín, Marcos Maceira resalta a importancia de que o Parlamento galego aprobe por unanimidade a Proposición non de lei que veñen de presentar. 

Pedimos que as plataformas dixitais teñan contidos tanto de produción galega como dobrados e lexendados ao galego

"Máis nun momento en que a nivel de Estado se vai debater o proxecto de lei do audiovisual. Sería unha moi boa noticia que a Cámara galega apoiase de forma unánime esta reivindicación para o audiovisual galego mais tamén para que se recoñeza o noso dereito a ter galego nos contidos que se xeran a nivel estatal".

Na práctica, reivindican para a lingua galega as mesmas cotas que se garanten para o castelán, "en todas as emisións orixinais, dobradas ou lexendadas, lineais ou baixo demanda; así como igualdade de condicións en materia de financiamento para as producións", engade Maceira.

Máis espazo para o galego

"Se o galego ten dificultades no ensino, se non existe practicamente no audiovisual, no mundo do xogo e dos xoguetes, como imos falar de normalización? Resulta incríbel que o galego siga vivo, mais a situación da lingua non é irreversíbel. Se queremos que teña presenza e uso, todos estes espazos teñen que deixar de excluír sistematicamente o galego", advirte o voceiro da Mesa.

Á espera de que a Proposición non de lei sexa asumida por algún dos grupos parlamentarios para o seu debate no pleno e posterior aprobación, A Mesa pola Normalización reunirase, agora, con todos os grupos políticos para "exporlles a situación, comentarlles o contido, favorecer un proceso de emendas que mellore o texto e tentar que se reflicta no Parlamento o consenso social que se demostrou na recollida de sinaturas". 

Decreto de plurilingüismo

Doutra banda, a CIG-Ensino esixiu á Xunta que derrogue o Decreto do plurilingüismo tras o novo informe do Consello de Europa que advirte de que o número de menores de 15 anos que non saben falar en galego podería aumentar. O sindicato advirte da desprotección das linguas  minorizadas e chama a reaccionar antes de que sexa tarde.

comentarios