Compromiso e activismo pola lingua en tempos de pandemia

A situación de excepcionalidade que marca a Covid non supón a parálise do compromiso con causas como a lingua. A campaña da ‘Iniciativa Xabarín’ é unha mostra, con centos de establevementos implicados e miles de sinaturas recollidas.

Sinaturas campaña da Mesa Xabarín Bueu foto da Mesa
photo_camera Luis Pérez na recollida de sinaturas en Bueu (Foto: A Mesa)

Peche perimetral, distancia de seguridade, máscaras, reducir os contactos, evitar proximidades… Os novos requisitos que impón a pandemia non son barreira para o activismo, que se reinventa para superar dificultades.

A iniciativa Xabarín para a progranación infantil e xuvenil en galego na TV arrancou cando a segunda vaga do coronavirus irrompeu con forza, obrigando a adoptar novas restricións. 

Mais iso non desanimou aos impulsores da iniciativa, nada dun primeiro paso da Mesa pola Normalización Lingüística que axiña sumou voces e rostros da culura, o ensino, o deporte ou o mundo do traballo para lograr que no Parlamento da Galiza se debata esta PNL, que debe reunir 2.500 sinaturas ( obtidas físicamente e non as realizadas con anterioridade vía web).

Un traballo de formigas por todas as comarcas galegas logrou que, en apenas un mes, o número de establecementos que colaboran con esta recollida de sinaturas aumentase nun 45%. “Pasamos dos 240 que había hai un mes a superar os 350 na actualidade”, explica Marcos Maceira a Nós Diario.

Establecementos como o libraría Sementeira de Noia, que pedíu 7 pregos de sinatuas, ou a Cafetaría Domínguez, en Meaño, que solicitou seis. “A xente si que está a asinar”, sinálanos Isabel, da libraría noiesa. “Hai xente que vén a propósito para asinar esta iniciativa”, engade, “e de todas as idades”.

Xeracións

Luis Barral, de Ribeira, anda a percorrer o país cun pequeno stand móbil pata informar da campaña e recoller sinaturas. Cada semana vista dous concellos, cumprindo sempre coas medidas e requisitos de seguridade ao que obriga a Covid. Pasou por comarcas como O Barbanza, O Salnés, A Terra Cha, Caldas, Terra de Soneira….

“A recepción está a ser moi boa”, afirma, “sobre todo entre a xente da ‘Xeración Xabarín’, aqueles que viron a serie de nenos ou mozos; eses asinan de cabeza, vamos”. E moitos dos que de nenos e nenas vían o Xabarín agora son pais e nais.

“O que máis ves é ilusión”, aponta Luis, “notas que hai gañas na xente de que haxa oferta de contidos en galego para os máis novos”.

Ilusión é a que teñen rapazas como Sara e Iria, que se puxeron a animar as compañeiras e compaeiros do seu instituto a asinar e tamén a recoller firmas para que esta iniciativa `poida ser unha realidade. "O ideal sería que houbese non só canles de TV con contidos para a mocidade en galego, senón todo tipo de APP, aplicacións. servizos....", reflexionan. 

"A xente responde ben, asina, independentemente da lingua na que falen. Ninguén está en contra de que haxa xontido en galego".

Comentarios