Tras a historia da loita pola lingua

A Asociación Cultural “Vagalumes” da Estrada rememora a loita social na defensa da lingua con episodios como a conmemoración das letras galegas do ano 70 ou o expediente a un mestre que daba aulas en galego. Será ás 20.30 deste día 7 de novembro. 

Detalle do cartaz
photo_camera Detalle do cartaz

Rememorar os principais episodios na loita pola normalidade no uso da nosa lingua é o obxectivo do acto que a Asociación Cultural “Vagalumes” organiza esta sexta feira ás 20.30 horas na sala de exposicións de Abanca na Estrada. Os profesores David Otero e Cibrán Arxibai da A.C. Vagalumes e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira intervirán nunha sesión na que se achegará documentación inédita e proxeccións documentais que dean conta do “testemuño dun pobo orgulloso do seu e rebelde contra os que queren impoñerlle un destino de subordinación e desmemoria”. 

Cando se fan dez anos da aprobación do Plan de Normalización Lingüística e en pleno progreso de regresión do uso da lingua acelerado co goberno de Feijóo, na Estrada lembrarán algúns dos episodios históricos da loita cidadá pola lingua, entre eles, os actos das letras galegas do ano 70 nos que o alcalde galeguista Mario Blanco e figuras como Otero Pedrayo ou Bouza Brei renderon homenaxe ao noso idioma oprimido polo réxime franquista personalizado en Marcial Valladares. 

Lembrarase tamén que, dez anos despois, a Estrada viviu unha resposta masiva de solidariedade con Alfonso Castro, mestre do Colexio do Foxo expedientado por impartir aulas en galego. 

No acto, rememorarase a historia das loitas pola lingua, acuciadas polo goberno do PP e que volveron ter momentos álxidos coa creación dun movemento cívico como “Queremos Galego”, “que tamén nos lembrou a resposta que en contextos semellantes de intento de exterminio da nosa lingua se levaron a cabo en todo o país”, din desde a organización do acto. 

Comentarios