"Bienvenidos a La Coruña": Hablamos Español prosegue a súa provocadora campaña

A asociación ultraespañolista coloca un novo valado na cidade herculina, no cruzamento da avenida de Monelos coa avenida Alcalde Pérez Ardá. A Mesa pola Normalización convoca unha mobilización esta sexta feira no Obelisco para defender a toponimia oficial da Galiza.
Nova pancarta de Hablamos Español na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Nova pancarta de Hablamos Español na Coruña. (Foto: Nós Diario)

"Bienvenidos a La Coruña, ciudad que en gallego se llama A Coruña". A asociación ultraespañolista Hablamos Español, presidida por Gloria Lago, coñecida no país por ser a cabeza visíbel de Galicia Bilingüe, protagoniza esta cuarta feira a enésima polémica en materia lingüística na cidade herculina, a elixida após situar no albo Sanxenxo esta pasada terza.

Desta volta Hablamos Español colocou un valado no cruzamento da avenida de Monelos coa avenida Alcalde Pérez Ardá, idéntico ao situado no municipio do Salnés. Unha nova deturpación da toponimia coa Coruña como protagonista; ou, como di a asociación de Gloria Lago, "La Coruña".

Esta, canda a de Sanxenxo, é unha mensaxe semellante ás utilizadas polo mesmo colectivo noutras ocasións, sempre coincidindo co comezo do verán e que incumpre claramente a Lei de normalización lingüística, que estabelece no seu artigo 10 que o único nome oficial dos lugares da Galiza é o propio en galego.

Após a colocación deste novo cartaz, A Mesa pola Normalización Lingüística convocou unha concentración, no Obelisco da Coruña, para esta sexta feira, 30 de xuño, ás 12 horas. "Atacar e ocultar a nosa toponimia é facelo tamén coa nosa dignidade colectiva e a capacidade de dicirlle ao mundo quen somos e onde estamos", sinalou a entidade.

A Mesa entende que "de novo veñen de fóra dicirnos como temos que falar e nomear as nosas cidades, vilas, parroquias e lugares e que non é válida a forma lexítima e auténtica que o pobo galego deu a todos os espazos do seu territorio, como parte indisociábel da súa historia, da súa cultura e da súa lingua propia".

Hablamos Español sinala Alcampo por "ceder á chantaxe" de "entidades nacionalistas hispanófobas" para retirar o valado de Sanxenxo

"Están instalados na provocación de encirrar o conflito lingüístico. É ridículo e moi triste que isto teña un apoio na Real Academia Española", sinalaba esta terza feira a Nós Diario o académico da RAG Henrique Monteagudo, quen tamén cualificaba a campaña de "disparate".

"Parece que chega a temporada de verán e comezan a chegar esas persoas que pretenden dicirnos como lle temos que chamar aos lugares do noso país e como temos que falar, ademais. E dino moi claramente: 'Hablemos español'", engadía Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Finalmente, a media tarde desta terza feira, após numerosas críticas da veciñanza e en redes sociais, o cartel instalado na estrada PO-504 á altura de Sanxenxo foi retirado. Queda por ver o que acontecerá con este novo situado na Coruña.

Desde Hablamos Español lamentaron a retirada do cartel de Sanxenxo "polo nacionalismo hispanófobo". "Onte [pola terza feira], pouco tempo despois de que o valo de Sanxenxo fose instalado, entidades nacionalistas hispanófobas empezaron unha campaña de acoso en redes e de presión cara a Alcampo, empresa propietaria do terreo onde está o valo. Dúas horas máis tarde, desde a contorna do fanatismo lingüístico vangloriábanse de conseguir que Alcampo cedese á súa chantaxe e, sen aviso previo á empresa de publicidade, propietaria do valo, nin a nós, propietarios da lona, procedeuse a arrincala e destruíla", afirman, nunha mensaxe difundida, en castelán, na súa páxina web.

Comentarios