Filgueira Valverde, Día das Letras 2015

O investigador e escritor Xosé Filgueira Valverde será o homenaxeado no Día das Letras Galegas-2015.  Filgueira foi alcalde de Pontevedra durante o franquismo, conselleiro de Cultura no goberno de Albor e presidente do Consello da Cultura. A RAG suscita a polémica da inconveniencia de homenaxear a unha figura tan vinculada á ditadura. Xa se barallan alternativas extraoficiais á opción da Academia para festexar a cultura galega.

IMG-20140705-WA0000(1)
photo_camera IMG-20140705-WA0000(1)

Despexada a incógnita: Filgueira Valverde será o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015. Antecipouno o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta antes de ser comunicado oficialmente pola propria Real Academia Galega.

Nen Manuel María nen Fernández de la Vega nen Xela Arias nen Carvalho Calero. A candidatura de Filgueira Valverde ao Día das Letras Galegas 2015 resultou triunfadora fronte a todas esas outras opcións no plenario que a Real Academia Galega realizou esta mañá na súa sede coruñesa da rúa Tabernas.

Antes de ser presentada á imprensa pola propia institución, a decisión da RAG, aliás, foi filtrada por un chío do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen, con gralla incluída, informaba na súa conta (@valentin_garci) hai apenas 10 minutos: Filgueira Valvede Letras Galegas 2015.

O mellor candidato para a Xunta

A controvertida figura de Filgueira Valvede é, sen dúbida, a mellor opción para a Xunta de Galiza. Á marxe do seu traballo como erudito e investigador e o seu papel no Museo de Pontevedra, Filgueira Valverde ten no seu haber ter ocupado os máis relevantes cargos institucionais, sempre da man da dereita. En plena ditadura franquista, Filgueira Valverde foi alcalde nunha cidade na que viviran Castelao -cunha obra e propiedades incautadas que foron dar ao Museo que el dirixía e do que se convertía en única imaxe omnipotente- e Bóveda, o nacionalista que fora amigo, mais ao que abandonara no momento máis difícil. Chegaba á alcaldía respaldando a xerárquica estructura franquista, da man do dictador que estaba detrás do asasinato de Bóveda e do exilio de Castelao. As páxinas de Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, escritas polo seu cuñado Álvarez Gallego, mostran sen dúbida un dos episodios que máis ían marcar o agora homenaxeado, silencioso cando lle pediron que intermediara para salvar a vida do outrora amigo, un asasinato que deixaría pegada e sería símbolo daquela Galiza Mártir. 

Filgueira Valverde non fixo nada cando lle pediron que intermediara para salvar a vida do seu amigo Alexandre Bóveda e foi alcalde de Pontevedra durante a ditadura

Nado e finado en Pontevedra, os noventa anos de vida de Filgueira Valverde transcorreron ao longo de case todo o convulso século XX. Na cidade do Lérez a pegada do investigador e político quedaría á vista fundamentalmente en dous enclaves, na fábrica de Celulosas que se situou na ría no seu mandato e no Museo de Pontevedra, que el xestionou de forma persoal, manexando tamén o legado incautado polo franquismo a Castelao. Ese Filgueira sería distinto daquel outro que animara a fundación do Seminario de Estudos Galegos e outras iniciativas de carácter cultural anteriores a 1936. Algunhas das persoas que o trataron non dubidan en falar do medo que Filgueira levou sempre no corpo, e da maneira en que tentaba eludir calquera conversa referida aos outrora amigos. 

Consello da Cultura e Consellaría de Cultura

Mais non foi a alcaldía de Pontevedra o único dos cargos que Filgueira ocupou. Foi tamén presidente do Consello da Cultura Galega, cando a sede aínda estaba naquel andar da Rúa do Vilar e mesmo conselleiro de Cultura con goberno de Fernández Albor o que adiviña un ano de cultura institucional e oficial, conmemorativa dagúns organismos dos que el foi, en certa medida, promotor. Da súa man viron a luz as normas básicas "para a unidade ortográfica e morfolóxica da lingua galega" e tamén a elaboración da Lei do Consello da Cultura Galega, organismo que el presidiu de 1990 a 1996. 

Como o  “último gran polígrafo de Galicia” defíneo Xosé Ramón Fandiño na ampla biografía que publica o Consello da Cultura Galega que el presidiu. Lembra o seu nacemento na praza do Peirao de Pontevedra, cidade na que naceu e morreu atravesando case todo o século (1906-1996) e na que tivo como profesores a Losada Diéguez e Castelao. 

“Ao finalizar a guerra civil, Filgueira aceptou o novo ordenamento político da ditadura franquista coa que colaborou como alcalde de Pontevedra (1959-1968), asistente en Burgos aos actos conmemorativos do XXV aniversario da exaltación de Franco á xefatura do Estado, membro do Consello Económico Sindical Provincial de Pontevedra, procurador en Cortes polo terzo de representación familiar, presidente do Tribunal Provincial Tutelar de Menores, etc”, explica Xosé Ramón Fandiño nunha traxectoria que non pode quedar á marxe da memoria. Posibelmente esta faceta sexa a máis controvertida na conmemoración da homenaxe. Un sector da Academia opúñase ao seu nome precisamente pola forte vinculación co franquismo, nuns anos nos que a recuperación da memoria histórica toma forza no ámbito da cultura galega non oficial. 

“Filgueira aceptou o novo ordenamento político da ditadura franquista coa que colaborou como alcalde de Pontevedra (1959-1968), asistente en Burgos aos actos conmemorativos do XXV aniversario da exaltación de Franco á xefatura do Estado", na biografía do CCG

 

A cultura oficial, normativa incluída 

O papel de Filgueira na cultura “oficial”, queda á vista tamén na participou na fundación do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento do que foi director en 1972, entidade que tenta ocupar ilexitimamente o espazo do Seminario de Estudos Galegos destruído polo franquismo, cos seus membros asasinados, exiliados ou silenciados. 

Canto ao seu labor como erudito, a literatura medieval, o patrimonio cultural de Santiago e Pontevedra ou o estudo de figuras como o mestre Mateo, Fontán, o conde de Gondomar, o P. Sarmiento, o P. Feijoo, Gómez Chariño, Sarmiento de Gamboa, Álvaro de Mendaña, Méndez Núñez, Rosalía, Camoens ou Góngora ocupan boa parte dos seus traballos. Publicacións eruditas que, sen dúbida, fará tamén máis difícil que festexar o Día das Letras desde algúns ámbitos como o escolar. 

Filgueira ten tamén unha obra temperá na narrativa, xénero no que Quintana Viva, de 1971, é o seu principal título. No ámbito da lírica, son recoñecidas as súas cancións neotrobadorescas. 

Consecuencias para a RAG 

O Ano Filgueira Valverde será, sen dúbida, ben distinto ao que sería se a Real Academia Galega tivese dedicado o Día das Letras a calquera outro dos candidatos. Fronte á opción de Carvalho Calero, a institución presidida por Alonso Montero conmemora agora a oficialidade da lingua, a normativa que Filgueira contribuíu de maneira especial a instaurar. Carvalho Calero tería suposto un “revulsivo” para unha Academia que vén de pasar un ano especialmente complexo. Se a RAG se tivera animado por cumprir a débeda histórica contraída polas institucións co escritor e investigador de Ferrol sería, sen dúbida, un revulsivo e un paso adiante que había de contar co aplauso dun sector da cultura galega afastado da oficialidade da Academia. 

De ter optado polo escritor Manuel María, que fora tamén académico nos seus últimos anos, a RAG gozaría dun ano de celebración en centros de ensino nos que aínda teñen a memoria viva da figura de Manuel María percorrendo o país co seu activismo lingüístico e cultura. Tería un espazo de referencia na casa de Outeiro de Rei inaugurada hai case un ano pola que xa pasaron milleiros de persoas. Celebraría a memoria viva dun home comprometido, cantado por case todos os músicos do noso país, desde Fuxan os Ventos a Uxía. Autor que escribiu sobre o país enteiro, que traballou de maneira especial e entusiasta coa xente moza, que con grande entusiasmo defendeu a nosa cultura e a nosa lingua e que se inseriu como poucos na cultura de base, no asociacionismo que habían de se comprometer na conmemoración, coa propia Academia, do Día das Letras Galegas para un dos autores máis queridos da nosa cultura. 

"Queda agora por agardar cales son as consecuencias para a propia Academia Galega e a executiva presidida por Alonso Montero".

No caso de Xela Arias, a Academia podería dar unha noticia de modernidade a unha institución  que semella contaxiada pola solidez cincenta do seu edificio. Poeta nova, infelizmente finada con menos de cincuenta anos, tradutora, posuídora dunha linguaxe contemporánea, referente da poesía dos nosos días, muller admirada e homenaxeada polas propias poetas... que a Academia tivera optado por Xela Arias podería supor un “revival” do ano no que optou polo Día das Letras Galegas para Lois Pereiro, sen dúbida, un dos acontecementos máis aplaudidos de todas as noticias que ten dado a institución con sede en Tabernas. 

Triunfou a Academia máis conservadora e oficial. Desde días antes, sabíase que Filgueira Valverde tiña moitas opcións para se consolidar como a proposta para o Día das Letras Galegas. A oposición de cert@s académic@s que facían ver as inconveniencias para a propia institución de homenaxear a un intelectual tan vinculado ao franquismo non se puido impoñer fronte aos votos que avalaron a opción dun home ao que non se lle pode borrar, e xa varias entidades o lembraron, o seu pasado da man dunha ditadura que asoballou e deu un golpe de graza á cultura galega. Queda agora por agardar cales son as consecuencias para a propia Academia Galega e a executiva presidida por Alonso Montero.

Comentarios