A fenda de xénero no uso da lingua debilita a transmisión interxeracional: "Xogámonos o futuro da lingua"

Un estudo da RAG reflexiona e afonda na relación entre galego e xénero.
A académica María López Sández é coautora do volume 'Lingua e xénero en Galicia estado da cuestión'. (Foto: RAG)
photo_camera A académica María López Sández é coautora do volume 'Lingua e xénero en Galicia estado da cuestión'. (Foto: RAG)

O xénero inflúe na transmisión da lingua. A afirmación da académica María López Sández, coautora do libro Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión que tamén asinan os técnicos do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Xaquín Loredo Gutiérrez e Gabino S. Vázquez-Grandío, é firme. A edición da Real Academia Galega (RAG), que saíu do prelo co apoio da Deputación de Pontevedra e que desde onte se pode consultar en liña na sección de publicacións da web da RAG, constata unha fenda de xénero non moi vistosa mais si consistente, o suficientemente clara para afondar nela e nas súas consecuencias.

En conversa con Nós Diario, a académica asegura que, de sempre, nos estudos de sociolingüística, un dos datos que se recolle das persoas informantes é o xénero. "Iso estaba aí, pero na sociolingüística galega non se deseñaron estudos para analizar ex profeso a influencia deste parámetro, a confluencia do xénero cos usos lingüísticos". Así, o que fixeron foi compilar toda esa información para extraer o coñecemento que xa hai en investigacións tanto cuantitativas como cualitativas, enquisas  e estudos de caso "nos que o xénero saía de forma reiterada"; mais tamén para "fundamentar e dar paso a instrumentos sociolingüísticos deseñados con esa intencionalidade".

A influencia do xénero

Na súa pescuda, María López Sández salienta algúns exemplos de informantes que "remitían asimetrías entre o uso que facían os nenos da casa e as súas irmás ou as presións que recibían as mulleres ao incorporarse ao eido laboral para que empregasen o castelán fronte aos seus compañeiros, aos que se lles permitía maior liberdade na escolla lingüística".

Hai unha influencia "e é relevante estudala", recalca, sobre todo para saber "como o xénero incide na escolla idiomática en contextos multilingües como o da Galiza, cunha lingua propia minorizada". Neste sentido, advirte, a porcentaxe de mulleres monolingües en castelán é sensibelmente superior, un 26 % fronte a un 22,3 % de homes que non falan habitualmente o galego. "Esa diferenza de catro puntos porcentuais non é unha fractura radical pero si representa unha fenda" cuxo efecto se observa moi ben no campo da transmisión interxeracional, explica López Sández, que é "onde nos xogamos o futuro da lingua".

"A presenza de mulleres no intercambio comunicativo sempre acaba determinando un menor grao de transmisión. Un avó fala máis galego cun neto que cunha neta, por exemplo. E isto ten que ver con outro dato que se observa no estudo, que é que o uso do galego no ámbito laboral é menor nas mulleres".

O galego e a muller teñen en común que son realidades subalternas. "E nesta confluencia de subalternidades ocorre, ás veces, que un sector subalterno busca un reforzo a través de elementos que están prestixiados a outro nivel –o castelán–, pero ao mesmo tempo, en sentido inverso, a subalternidade tamén che permite sensibilizarte cara a outras discriminacións". E aquí, destaca, a propia reivindicación de xénero achega as mulleres a outras formas de reivindicación, "entre elas a lingüística, a defensa do idioma, o que demostra que a interseccionalidade de lingua e xénero é unha realidade complexa, relevante e significativa".


Normalización e revitalización lingüística

A académica María López Sández asegura que un maior achegamento á relación entre lingua e xénero "é fulcral para a normalización e a planificación lingüística". Porén, chama a ir máis aló. "Creo que neste momento hai que falar tamén de revitalización lingüística". Nos últimos anos todos os datos apuntan unha perda de falantes que obriga a pór o foco sobre o "neofalantismo". "Hai que conquistar novos e novas falantes e favorecer un uso consciente da lingua".

E aí, destaca, o xénero tamén xoga un papel importante, nun contexto de novos procesos de reivindicación."A discriminación que sofren as mulleres fai que reciban menos galego por vía de transmisión interxeracional, mais o seu empoderamento pode impulsar importantes procesos de reflexión lingüística e neofalantismo".

Comentarios