A presión social fai recuar o Goberno de Ferrol, que licitará en lingua galega

O Executivo de Rei Varela propuña publicar os contratos tan só en español.
José Manuel Rei Varela, alcalde de Ferrol, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Manuel Rei Varela, alcalde de Ferrol, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

O Goberno local de Ferrol rectificou a súa decisión de excluír o galego nos procedementos de licitación que se iniciasen e que fosen obxecto de publicación. O Executivo pretendía que a totalidade dos documentos que conformasen o expediente fosen redactados "exclusivamente en lingua española".

Tras a decisión do Goberno de José Manuel Rei Varela (PP), o tenente de alcalde e concelleiro de Contratación, Javier Díaz, manifestou esta quinta feira que a Administración local seguirá publicando as licitacións nas dúas linguas oficiais.

Os populares escudábanse en que os servizos lingüísticos do Concello de Ferrol "non tiñan capacidade suficiente para atender o exceso de traballo que require a tradución de pregos complexos", polo que, "para traballar sen atrasos, de maneira provisional, abriuse a posibilidade, puntualmente, de realizar as licitacións en español, tal e como fan noutros concellos da Galiza". 

"O Concello de Ferrol terá proximamente á súa disposición os servizos lingüísticos da Xunta da Galiza para reforzar a tradución e, así, sen dilatar os prazos, ofrecer á cidadanía o acceso aos contratos en ambos os idiomas", sinalou Díaz.

Peticións de rectificación

A Mesa pola Normalización Lingüística mostrara o seu rexeitamento á exclusión do galego destes documentos e instara o Goberno local a "rectificar inmediatamente" e a demandar ao Estado español que "corrixa a normativa de publicación de contratos".

O Goberno local tamén recibiu críticas desde os grupos municipais de BNG e Ferrol en Común. O portavoz nacionalista, Iván Ribas, asegurou que a decisión non garantía "os mínimos dereitos das galegofalantes", mentres que Jorge Suárez (FeC) considerouna "un atentado contra a nosa cultura e a nosa lingua". 

Comentarios