O Concello de Ferrol marxina o galego: só empregará o castelán nos contratos

O obxectivo, apuntan desde a única Alcaldía do PP nas sete cidades galegas, é aforrar tempo e prazos. A proposta, porén, contraviría varias leis en vigor.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey. (Foto: Europa Press)

A lingua galega desaparece desde esta mesma quinta feira, 11 de abril, da tramitación de contratos do Concello de Ferrol. O Goberno que lidera con maioría absoluta desde os comicios do pasado ano José Manuel Rey (PP) vén de aprobar unha instrución —en vigor desde hoxe mesmo— que persegue a "simplificación e axilidade administrativa". E, baixo este pretexto, o gran damnificado é o idioma propio do país.

O texto recolle que, a partir da súa entrada en vigor, "en todos os procedementos de licitación que se inicien e que normativamente teñan que ser obxecto de publicación, a totalidade dos documentos que conformen o expediente redactaranse exclusivamente en lingua española". Buscan así aforrar tempo e acurtar prazos ao "evitar ter que traducir o documento ao galego".

Desde o Executivo local, o único das sete cidades galegas en mans do PP, defenden que a medida non contravén a lexislación vixente, se ben cabe destacar que diferentes normas apuntan á necesidade de empregar a lingua "propia da Galiza", como admite, de base, o Estatuto. Así, a Lei da Administración Local de 1997 recoñece que o galego é tamén a lingua propia desta mesma administración, así como o dereito da cidadanía a utilizalo "nas súas relacións coas corporacións locais".

Tamén a Lei de normalización de 1983 explicita que é lingua oficial en todos os estamentos administrativos, tamén no plano municipal. E, máis concretamente, a Lei de uso do galego como lingua oficial da Galiza polas entidades locais de 1988, cuxo nome xa non dá demasiado pé a confusión neste debate, pretende garantir o "uso normalizado da lingua galega na súa documentación oficial, sen prexuízo de empregar, ademais, a outra lingua oficial, se así o decide, neste caso, a respectiva entidade", se ben non fai alusión directa á licitación de contratos.

Reaccións

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística non tardaron en reaccionar á noticia e subliñaron que a polémica proposta do Concello de Ferrol "atenta" contra as normativas antes citadas. "A gravidade do anuncio", apunta o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "reside en que o Concello asume así unha interpretación aínda máis restritiva da Directiva Europea do que xa o fai a lexislación do Estado". "A solución non está en negar a oficialidade do galego", abunda, "senón en seguir publicando en galego e en reclamar do Goberno español que permita a publicación orixinal en galego e maiores esforzos para acadar a oficialidade do galego na Unión Europea".

Maceira considera "cínico" que o rexedor ferrolán apele a unha Directiva europea —argumentando que demanda a publicación de documentos como os contratos públicos "nunha lingua oficial da UE", e o galego "non o é"— cando el mesmo "non se distinguiu na reclamación ao seu propio partido de que defendese a oficialidade do galego na UE, que contribuiría a corrixir este tipo de exclusións do galego na lexislación". "En calquera caso", insiste, "non é ao Concello de Ferrol, senón aos parlamentos español e galego a quen lles corresponde interpretar e trasladar á lexislación interna esas directivas".

"A lexislación galega, neste senso, é clara", remata. "O que debe facer o alcalde de Ferrol é reclamar máis avances para o galego e a desaparición de todo tipo de discriminacións á lingua da Galiza na lexislación e normas do Estado", afirma Marcos Maceira, "neste caso reclamando a posibilidade de publicación de orixinais en galego mais sen deixar de publicar as versións en galego".

"Tamén incumpre a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística", engaden desde a agrupación local do BNG, que exixe por estes motivos a súa inmediata retirada. "Esta é a política lingüista que anunciou Rueda no seu discurso?", cuestionan desde o PSdeG, aludindo á intervención do aspirante popular a revalidar a Presidencia da Xunta desta mesma terza feira, cando asegurou que cultura e lingua terían un "maior peso" no seu novo Executivo.

Comentarios