mércores 22/09/21
CONTA ATRáS PARA O 8F

‘’Corremos o risco de que desapareza a dobraxe en galego’’

O sector de dobraxe ao galego apoia a manifestación convocada por Queremos Galego para este domingo. Falamos con eles da situación dun sector que atravesa non poucas dificultades.

O sector da dobraxe en galego vai estar este domingo, 8 de febreiro, en Compostela na manifestación convocada por Queremos Galego. Apostan na defensa do galego como un sector que ten no idioma a súa ferramenta de traballo e que é responsábel fundamental na ‘socialización’ da lingua propia do país. “Non se cumpre o Plan Xeral de Normalización Lingüística a respecto da dobraxe”, afirma en conversa con Sermos Galiza André Bellas, un dos representantes deste colectivo. “E os orzamentos para a dobraxe caen ano tras ano tras ano...”, completa.

Recoñecen que neste escenario “é imposíbel a pervivencia do sector” e recoñece que “cando nos decatemos, corremos o risco de que desapareza a dobraxe en galego”. Bellas fala de empresas en ERE, con concurso de acredores... a dobraxe ao galego é un sector externalizado e que xera emprego a por volta dunhas 300 persoas, entre actores, tradutores, directores...

“Non chega”

O colectivo toma esa cifra de 300 persoas traballando para poñer un exemplo claro do difícil da súa situación. “Este ano falan dun orzamento de 1.600.000 euros. Unha simple división desa cifra dános menos de 600 euros por persoa e mes”. Nun sector onde son traballadores por conta allea, “con contrato verbal diario”. Imposíbel seguir adiante moito tempo se non se cambian as circunstancias. “Se non, estannos abocando ao paro”.

Malia todo, Bellas enfatiza en que están orgullosos do seu labor. “Somos un elemento normalizador do galego moi importante, algo que nos recoñeceron entidades, organizacións e colectivos. Por exemplo, a propia Real Academia Galega”.

Vontade

Os e as dobradoras ao galego insisten en que a súa pelexa é para que se recoñeza o peso e importancia do seu papel no compromiso coa cultura e o idioma. Que cada recorte, limitación... neste campo repercute en recortes e limitacións na lingua do país. “Sinceramente? Dubido que no goberno haxa vontade de cambiar as cousas e de dar maior pulo a esta profesión e ao galego”.

A súa batalla, que xa chegou ao Parlamento de Galicia, procura, entre outros obxectivos, que a dobraxe ao galego se recoñeza no acordo marco da TVG, “blindando así de certo xeito este sector”.

JR, Shin-Chan e As Bolas do Dragón

A dobraxe ao galego foi “dunha importancia capital na difusión do idioma”. Películas, debuxos, series de ficción estranxeiras podían ser gozadas no idioma propio de Galiza. Unha lingua até entón desterrada deses ámbitos. “Hai quen dixo que tan importante para o galego era que o falase JR -protagonista dunha das grandes series mundiais, ´Dallas,- como que o falase Manuel Fraga”, lembra sorrindo Andrés Bellas. E enumera fenómenos como Shin-Chan, As Bolas do Dragón, e outras que o público na Galiza coñeceu a través do galego -e que se lle facía raro despois escoitalos en español-. “A xente asumiu como normal que nas series de ficción se falase en galego, algo marabilloso; porque até entón iso era imposíbel e o normal era que fose en castelán”. De súpeto, na pequena pantalla Clint Eastwood, Robert Redford ou Audrey Hepburn falaban en galego, o idioma proscrito.

comentarios