CONTA ATRáS PARA O 8F

Pilar García Negro: “O Plan Xeral de Normalización son dez anos de letra morta”

A profesora e ex-deputada do BNG apoia a manifestación de Queremos Galego e critica a política lingüística da Xunta, que considera que está a crear retrocesos a todos os niveis, “mesmo tamén na súa utilización coloquial, e unha lingua só é lingua se se usa”.

Pilar García Negro
photo_camera Pilar García Negro

Pilar García Negro é unha das voces máis autorizadas na defensa do galego, que vivirá unha xornada especial o próximo domingo ante a manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego en Compostela. Ademais, foi ponente polo Bloque durante a redacción do Plan Xeral de Normalización Lingüística, cuxo incumprimento ao longo dos anos é unha das razóns da marcha. 

-Coñece ben aquel Plano Xeral, que a Xunta insiste en que cumpre, como acaba de facer diante das críticas da Real Academia.  

-A política lingüística da Xunta é a antítese dos obxectivos e as actuacións que impulsaba o Plan Xeral de Normalización, que se aprobou en 2004, o que significa que acumula dez anos de letra morta, de papel mollado. Aquel Plano naceu despois das iniciativas do BNG en defensa do uso social e público da lingua propia, tal e como é definida polo Estatuto de Autonomía, unha necesidade que o goberno autonómico non só non atende senón que acompaña dunha reimposición do español. O Plan está inspirado pola Carta Europa de Linguas Rexionais e Minoritarias, que foi asinada polo Estado co máximo rango en 2001 pese o cal non está a ser respectada. Buscábase que cada euro que gastara a Xunta fora acompañado dun uso público do galego e da súa visibilidade, porén, nada disto se cumpriu e os gobernos galegos viviron de costas á norma e á propia Lei de Normalización. 

"O consenso co que se aprobou o Plan Xeral de Normalización en realidade significou silencio"

-Un Plano que apoiaron todas as forzas políticas. 

-Si, pero é ben lembrar que o consenso co que se asinou o Plan Xeral en realidade significou silencio, buscaba que o conflito lingüístico non se aireara. Así chegamos até hoxe en día, onde datos como a enquisa do IGE sinalan que a falta de protección oficial mesmo provoca que se resinta o uso coloquial ou espontáneo da nosa lingua.

-A Xunta afirma o contrario, pero semella complicado defender que o Decreto do Plurilingüismo respecte o propio Plan de Normalización. 

-Ese decreto formou parte dunha planificación programática destinada a reducir ou eliminar o galego, buscar o seu retroceso para facilitar o imperio sobreprotexido do español. Con ese decreto mesmo chegaron a darlle afirmar que o galego supón unha barreira no ensino ou prohibiron a súa utilización en determinadas materias. Resulta significativo que as institucións nunca fagan públicas as cifras reais de uso de galego no ensino infantil, ou noutros treitos. 

"O nacionalismo xa advertiu hai moitos anos dos perigos que para o galego tiña a 'asignaturización"

-O Goberno autonómico teima en facer lecturas positivas dos datos do IGE, que apuntan a un descenso alarmante de galegofalantes. Porén, fan énfase en termos como “coñecemento” para retirar o foco desa evidencia. 

-Todos os galegos e as galegas saben máis galego mesmo do que son conscientes. O problema non está aí senón en vencer todas as reticencias e pre-conceptos que existen respecto do galego, e que responden a un proceso histórico que intenta converter o noso nun idioma inferior na súa propia terra. E non debemos esquecer que lingua é uso da lingua, non outra cousa, non existe outra variábel para medir a súa saúde. E, nesa liña, tamén quería lembrar que xa hai décadas que desde o nacionalismo advertimos dos perigos que a “asignaturización” podería crearlle á lingua. 

-Queremos galego chama a manifestarse. 

-O domingo 8 imos saír á rúa para demostrar que se o galego é unha lingua, algo que ninguén pon en dúbida, precisa dos atributos que avalen o seu uso con normalidade, en calquera ámbito, non reducido a unhas determinados límites de utilización. Que iso exista é o que chamamos normalización e supón unha responsabilidade institucional, non das familias. Non existe ningún pobo libre que renuncie á súa propia lingua. 

Comentarios