O Congreso español fica sen tradutoras na xornada de estrea das linguas oficiais nas comisións

A Cámara recoñece falta de previsión no servizo
Integrantes da Comisión de Traballo decorrida esta segunda feira no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Integrantes da Comisión de Traballo decorrida esta segunda feira no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Comisión de Traballo do Congreso español ficou sen tradutoras no medio da sesión que tivo lugar esta segunda feira, a primeira da historia da Cámara Baixa na que se podía utilizar o galego, o catalán e o euskera en xuntanzas de comisión, pese a que o Congreso anunciara que este servizo estaría dispoñíbel até en tres salas de comisión á vez. 

Así, a sesión comezou ás doce da mañá e cando transcorreran máis de catro horas a presidenta explicou ás Portavocías que xa non estaba dispoñíbel a tradución simultánea porque as tradutoras e os tradutores tiveran que marchar a "outra comisión". O sistema de tradución funcionara con normalidade durante a primeira parte, na que tanto Junts como ERC utilizaran o catalán nas súas intervencións. 

A presidenta da comisión garantiu o dereito dos integrantes da mesma a utilizar as linguas oficiais, pero pediu as intervencións por escrito. 

Desde o Congreso alegaron que a sesión da Comisión de Traballo "alongouse moito máis do previsto" e recoñeceron a falta de previsión na xornada de estrea deste servizo nas comisións.   

"Externalización"

A este respecto, o BNG trasladou a súa "preocupación" á Mesa do Senado pola súa decisión de "externalizar" o servizo de interpretación e tradución, e pediu revogala e buscar un acordo co persoal.

"Sorprende que, habendo uns precedentes tan bos e unha traxectoria impecábel na prestación do servizo, decídase externalizalo", subliñou Carme da Silva, senadora do BNG, na carta enviada ao órgano de goberno da Cámara Alta. 

En concreto, a Mesa do Senado licitou un contrato que pode alcanzar un importe máximo de 756.000 euros para os servizos de interpretación e tradución das invertencións realizadas nas linguas oficiais, cuxo uso na Cámara Alata actualmente está acoutado ás mocións nas sesións plenarias, ás intervencións na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas ou na prestación de escritos".

 

Comentarios