xoves 09.07.2020

Campaña para que as series e filmes das plataformas dixitais estean lexendadas en galego

A campaña desenvólvese nas redes e nela participan A Mesa, Asociación profisional de actores e actrices da dobraxe de Galiza, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e interpretación e mais a iniciativa ‘Instagram en galego’

 
Unha imaxe da campaña (MNL)
Unha imaxe da campaña (MNL)

Por que non poder gozar das series e filmes das principais plataformas dixitais lexendados en galego? Algo que si se pode gozar en catalán, vasco e, por suposto, castelán mais que en galego é imposíbel. Para rematar con esta anomalía xurde unha campaña nas redes sociais que lle pide á Xunta que facilite o lexendado e a dobraxe en galego dos filmes e series que ofertan as principais plataformas de contidos audiovisuais dixitais, tal e como fan os gobernos de Euskadi e Catalunya desde hai anos.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que "a Xunta debe favorecer o dereito ao acceso a contidos audiovisuais en condicións semellantes a outras linguas oficiais e cumprir coa obriga sinalada no artigo 20.1 da Lei de Normalización Lingüística de 1983 de fomentar a produción, a dobraxe, a subtitulación e a exhibición de películas e outros medios audiovisuais en lingua galega". "Porén", advirte, "a Xunta exclúe a presenza do galego ao non participar de acordos como os acadados polos gobernos vasco e catalán, que favorecerían a opción de galego nos lexendados de filmes e series e, ademais, reduce cada ano a execución do orzamento para a dobraxe e non permite que os filmes xa dobrados se atopen dispoñíbeis no mercado".

Compromiso

A campaña que desenvolven nas redes A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación profesional de actores e actrices da dobraxe de Galiza, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e intrpretación e mais a iniciativa Instagram en galego recorda que Movistar+ ofrece desde 2015 a posibilidade de lexendado e de dobraxe de series e filmes en euskera e catalán.

O custo, afirman desde A Mesa, que ten para os gobernos vasco e catalán que as series e filmes que emite Movistar+ teñan lexendado e dobraxe nas súas linguas é de 61.555 euros ao ano. Após un ano de exclusividade de emisión, os contidos poden ser xestionados directamente polos gobernos catalán e vasco, así como liberados para o seu uso en todas as plataformas.

Recollida de sinaturas: https://www.amesa.gal/1/queremosgalegonatv

comentarios