Bernardo Penabade, profesor e coordinador do proxecto Modelo Burela: "A Lei Valentín Paz-Andrade ficou en papel mollado"

O profesor Bernardo Penabade Rei (Mañón, A Mariña, 1964) recibe este sábado, 9 de setembro, na Arca da Noe, en Vilar de Santos (A Limia), o Prémio Meendinho, un galardón que anualmente concede a fundación homónima para destacar o traballo de persoas e entidades que destacan na dinamización cultural e lingüística do galego, tendo en conta tamén súa dimensión internacional
Bernardo Penabade (Foto: Orgullo Galego).
photo_camera Bernardo Penabade (Foto: Orgullo Galego).

–Este curso escolar que comeza, o premiado Modelo Burela, co que, a través de actividades dirixidas ao alumnado e ás familias, buscaban incrementar o uso do galego e que co tempo virou nun proxecto co que atenden gran diversidade de nacionalidades, suma 20 anos. Cales son as chaves do éxito?
Dos proxectos educativos que hai hoxe en funcionamento na escola galega, o Modelo Burela é dos que ten maior estabilidade. E isto é así por un elemento moi importante, pero que é casual: a estabilidade dos proxectos educativos depende da propia estabilidade dos postos de traballo do profesorado. Hai proxectos excelentes que duran poucos anos, non por esgotamento das persoas que os impulsan, senón porque o profesorado ten que cambiar de centro. A implicación de profesorado definitivo foi a que propiciou que o Modelo Burela se mantivera estábel. 

–Que retos lle agardan ao proxecto no futuro?
Un reto importante sería manter o servizo. Unha vez completamos o programa de actividades, estariamos ben satisfeitos con manter o Modelo Burela no tempo, cando menos até que xa non faga falta, aínda que eu creo que, como mínimo, outros 20 anos habían de facer falta para cumprir as expectativas.

–Un dos primeiros obxectivos que buscaban cumprir foi aumentar a presenza da lingua galego na escrita.
Efectivamente, esa foi a motivación central do Modelo Burela, a expresión escrita. Mais, despois, atendeu dous obxectivos xerais igual de importantes. Un deles é a planificación específica para a incorporación de neofalantes, un público ben diferente. Esa orientación cara ás persoas neofalantes fixo que moitas persoas nos coñezan só por iso, esquecendo o primeiro dos obxectivos fundamentais. 

E, como comentaba, aínda incorporamos un terceiro: a atención á diversidade, a cal está directamente relacionada coa inclusión social de persoas migrantes. En Burela, hai máis de 40 nacionalidades nos 10.000 habitantes que ten a vila, polo que existía e existe unha necesidade de ofrecer desde a escola unhas pautas para a inclusión social na sociedade de acollida. 

Isto fixo que tamén agora haxa xente que nos coñeza única e exclusivamente pola atención á diversidade. Identifican o Modelo Burela con atención a caboverdianos e caboverdianas a través da variante reintegracionista do galego na escrita. É así, pero non é o noso fin inicial nin o único ao que nos dedicamos agora. 

–Precisamente, o próximo ano fanse 10 anos da aprobación da Lei Valentín Paz-Andrade, cuxa posta en práctica ten sido cuestionada por non alcanzar os obxectivos propostos. Cre que a aplicación desta lei axudaría ao desenvolvemento do proxecto Modelo Burela?
Claro que axudaría. A pena é que a Lei Paz-Andrade ficara en papel mollado. Sería unha conquista social importantísima, mais a pesar de estar aprobada, non se aplica. Para nós sería fundamental e suporía facilitar a inclusión das persoas migrantes. Por exemplo, coa Lei Paz-Andrade as familias que chegan e están en Burela non terían que traducir os seus currículos para a homologación dos títulos. Hai unha serie de trámites totalmente absurdos que son carísimos e crean un enredo burocrático que moitas destas persoas migrantes non son quen de superar. 

Nunha porcentaxe enorme dos centros educativos da Galiza, non hai ninguén que saiba que é a Lei Paz-Andrade e ninguén se preocupou por transmitir o que significa. Polo tanto, non se aplica. Á cidadanía non chegaron os beneficios que implicaría a aplicación 
desta lei. 

–A Unión Europea está a piques de aprobar a oficialidade do galego no espazo comunitario e no Congreso tamén se valora a posibilidade de levantar o veto ao seu uso. Que consideración lle teñen estes feitos?
A conquista da lingua galega no Congreso dos deputados e das deputadas paréceme esencial. Unha grandísima conquista que debemos á contribución de Catalunya e Euskadi e á colaboración dos partidos progresistas españois, mais é resultado dunha iniciativa galega que naceu moitos anos atrás.

No caso do Parlamento europeo, non serei eu quen tire pedras contra o lousado do idioma galego, mais xa había pasos moi importantes nese sentido conseguidos por Xosé Posada, Camilo Nogueira, Lidia Senra e Ana Miranda. No Parlamento europeo, xa estábamos moito máis adiantados que no caso do español. O galego xa era, de facto, oficial nos organismos da Unión Europea. 

Comentarios