Bernardo Penabade recibe este sábado o Prémio Meendinho polo 'Modelo Burela'

O evento comezará ás 12 horas na 'Arca da Noe' de Vilar de Santos.
Bernardo Penabade (Foto: Orgullo Galego).
photo_camera Bernardo Penabade (Foto: Orgullo Galego).

Este sábado, 9 de setembro, o profesor Bernardo Penabade recibirá o Prémio Meendinho, un galardón que anualmente concede a fundación homónima para distinguir "persoas e entidades que destacan no campo da dinamización cultural e lingüística tendo en conta a dimensión internacional do noso idioma". O elixido este ano foi Penabade "por moitas razóns", entre elas ser "un referente do ensino da lingua portuguesa na Galiza".

E, máis concretamente, como representante da iniciativa educativa 'Modelo Burela', en funcionamento desde 2003 e que fai de ponte "entre as comunidades educativas e o conxunto da cidadanía".

A realización de xornadas de animación á lectura e a "promoción do diálogo intercultural a través de intercambios educativos", salientan desde a Fundação Meendinho, foi complementada coa posta en marcha dunha "escola de comunicación a través da radio", coa emisión de dous programas semanais, Proxecto Neo e Grandes Vozes.

"No ámbito da atención á diversidade, o Modelo Burela traballa con alumnado en situación de fracaso escolar extremo e impulsa unha actuación educativa en colaboración cos servizos sociais e asociacións culturais, deportivas e recreativas, como axentes de inclusión social", subliñan desde Meendinho.

O acto de entrega do premio comezará este sábado ás 12 horas, na sala 'Arca da Noe' de Vilar de Santos (A Limia), onde "diversas personalidades galegas e portuguesas" participarán na laudatio do premiado. Sérgio Mirra será o encargado de pór música ao certame, que vai xa pola décimo cuarta edición e que rematará cun almorzo de irmandade.

Comentarios