Atrásanlle a operación por querer cubrir os impresos en galego

Malia que a Secretaría xeral de política lingüística ten un convenio co Sergas para ofrecer os formularios na lingua do País nun tempo máximo de media hora


A Mesa pola normalización lingüística vén de facer público máis un caso de discriminación lingüística no Sergas, nomeadamente no hospital Miguel Domínguez de Pontevedra. Un paciente deste centro sanitario viuse avocado a adiar unha operación ao reclamar que a documentación a encher estivese en galego.

Malia que o doente informou de que a Xunta, a través da Secretaría xeral de política lingüística, ten un convenio co Sergas para traducir este tipo de documentos nun tempo máximo de 30 minutos, a traballadora que o atendeu explicoulle que se non asinaba os papeis en castelán tería que agardar a que lle enviasen á casa uns novos, en galego.

A Mesa recorda que foi a raíz dun caso de discriminación, tamén por razóns de lingua e tamén no Sergas, desta volta no hospital Nuestra señora de Fátima, en Vigo, cando desde a xerencia do servizo público se emitiu unha nota informativa a todo o persoal onde se puña a disposición d@s pacientes o servizo de tradución da Secretaría xeral de política lingüística, sinalando que a documentación estaría na nosa lingua nun tempo máximo de media hora.

Após o novo episodio denunciado, a organización en defensa dos dereitos lingüíticos conclúe que a medida é "pouco efectiva" e que se non saen máis casos á luz "non é porque no resto de hospitais non se produzan, senón porque xogar coa saúde é unha chantaxe terríbelmente efectiva".

Comentarios