Toponimia

A afección do Dépor únese por un nome do clube galeguizado

Nos últimos anos as redes sociais ferveron con iniciativas por un Deportivo da Coruña [e non “de La”]. Porén, eran propostas illadas. Nesta ocasión e por vez primeira, as peñas do Dépor únense para reclamar de maneira oficial o uso correcto e normalizado do topónimo da cidade no escudo e comunicacións do clube.

CltuI_uWgAA2XDz
photo_camera Unha das imaxes da campaña

Os Riazos Blues, a Federación de Peñas Deportivistas (que abrangue todas as peñas federadas) e o colectivo Old Faces veñen de lanzar unha campaña conxunta na que reclaman o uso do topónimo oficial A Coruña no escudo do clube.

David Pena (Old Faces) é un dos promotores da iniciativa e explica, en declaracións a Sermos Galiza, que a reclamación “é algo que está no ambiente desde hai anos”. “Non é a primeira vez que esta demanda xorde nunha Xunta Xeral de Accionistas. De feito, nas dúas últimas abordouse por parte de persoas moi diferentes e de maneira espontánea”, engade.

David Pena (Old Faces): "O nome histórico e legal da cidade é A Coruña e non é normal que unha das principais institucións da urbe empregue La Coruña"

Este afeccionado deportivista sinala que a campaña “obedece a un sentimento de vontade que entronca coa lóxica e o sentido común, pois o nome histórico e legal da cidade é A Coruña e non é normal que unha das principais institucións da urbe empregue La Coruña”. “O normal é que unha das principais referencias da cidade teña a imaxe que a pasea polo mundo co seu nome oficial, que é en galego”, salienta.

Con esta campaña, tanto os Riazor Blues, como a Federación de Peñas como Old Faces tratan de que o escudo do clube recolla Real Club Deportivo da Coruña, e non Real Club Deportivo de La Coruña. “Queremos buscar un movemento o máis amplo e plural posíbel, un movemento de unión de toda a masa social deportivista –non só accionistas e socios, senón coruñeses e coruñesas en xeral que sintan as cores- para conseguir que o Deportivo sexa da Coruña”, insiste David Pena.

Manifesto e recollida de sinaturas

Os tres colectivos asinaron un manifesto conxunto que lanzaron na rede o día 23. En breve, comezará a fase de recollida de sinaturas, non só na internet, senón tamén en comercios, hostalaría e estabelecementos varios da cidade. Posteriormente, as tres entidades entregaranlle á directiva do clube as sinaturas para que inicie os trámites estatutarios que fagan realidade a petición.

A acollida, polo de agora, é “inmellorábel”, di un dos impulsores. “Moitas peñas e persoas a nivel particular colgaron nas súas fotos de perfil das redes sociais o hashtag que lanzamos #EuDeportivoDaCoruña”.

No manifesto elaborado polos Riazor Blues, a Federación de Peñas e Old Faces exponse que “o idioma de Galicia confúndese coas cores deportivistas, somos todo un. Por iso, por intelixencia e por sentimento, temos que, colectivamente, empurrar o Deportivo a dar o paso, a vences clixés pasados de moda”. “Temos que, coa nosa unión, facer normal no deportivismo o que é normal na rúa, na empresa, na administración ou nos medios de comunicación: oficialmente e por acordo do Congreso dos Deputados desde 1998 a nosa cidade ten un nome, A Coruña”.

Comentarios