A 23ª edición do Correlingua chega esta segunda feira a Vigo

O vindeiro día 24, o Correlingua fará a súa seguinte para na cidade de Pontevedra.
A edición de 2019 de correlingua (Foto: Correlingua)
photo_camera A edición de 2019 do Correlingua. (Foto: Nós Diario)

A 23ª edición do Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos, chega esta segunda feira 22 de maio a Vigo. A marcha arrincará da Praza do Concello ás 11.30 horas para rematar no Parque de Castrelos, nunha festa final na cal se dará lectura ao manifesto gañador e na cal actuará un dos grupos gañadores do Cantalingua: Mekanika Rolling Band.

Para as crianzas máis pequenas desde as 11 horas actuarán, no propio parque de Castrelos, As Monchas. “Como todos os anos contaremos para conducir a actividade cunha persoa de relevo na cultura galega e que, no seu día a día, defende a nosa lingua, como é o caso de Fran Rei”, indican desde a organización do Corelingua.

A saída da marcha na Praza do Rei, ás 10.50 horas, correrá a cargo do alcalde de Vigo Abel Caballero e da concelleira de normalización lingüística, Uxía Branco. O vindeiro día 24, o Correlingua fará a súa seguinte para na cidade de Pontevedra.

O Correlingua

O Correlingua percorre doce localidades galegas entre o 4 e o 31 de maio baixo o lema 'Na casa, na escola, bota a lingua fóra'. Comezou o 4 de maio en Ponteareas e rematará na Estrada o 31 de maio.

É unha iniciativa organizada pola CIG-Ensino, Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña xunto coa Deputación de Lugo, A Coruña e a de Pontevedra.

Iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, do Regueifando, do Crealingua e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre.

A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.

Comentarios