Ucraína xulga a porta fechada o líder opositor Viktor Medvedchuk

Ao tempo que está sendo xulgado a porta fechada o líder da Plataforma de Oposición Pola Vida, o Partido Socialista Progresista ucraíno foi ilegalizado.
Viktor Medvedchuk. (Foto: Sergei Chuzavkov / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera Viktor Medvedchuk. (Foto: Sergei Chuzavkov / Zuma Press / Contacto Photo)

O xuízo por "alta traizón" contra Viktor Medvedchuk, líder ucraíno do principal partido da oposición, agora ilegalizado, Plataforma de Oposición Pola Vida, comezou a cuarta feira a porta fechada nun tribunal de distrito da cidade de Leópolis.

"O acceso de persoas alleas ao proceso está limitado" debido "ás acusacións contra Medvedchuk polas súas actividades cos principais líderes de Rusia en detrimento de os intereses de Ucraína", argumentou a Fiscalía. 

Ao tempo, o Estado ucraíno continua coa ilegalización de forzas políticas da oposición, neste caso, na xornada da cuarta feira, un tribunal de apelacións ucraíno suspendeu as actividades e requisou os bens do Partido Socialista Progresista de Ucraína, tras unha petición do Ministerio de Xustiza pola súa suposta xustificación da invasión rusa sobre Ucraína.

Cimeira en Bruxelas pola adhesión de Ucraína á UE

A cimeira dos países da Unión Europea (UE) na que se abordará a concesión a Ucraína do estado de candidato a membro da UE arrincou a cuarta feira. O presidente do Consello da UE, Charles Michel, expresou confianza en que Ucraína e Moldavia lograrán o estado de candidatos ao ingreso na UE. Ademais, indicou que Xeorxia tamén ten "perspectivas europeas".

Os líderes dos Balcáns mostraron escepticismo á súa chegada á cimeira que tamén mantiveron a cuarta feira cos líderes da UE. Os focos da cimeira balcánica están postos en Albania e Macedonia do Norte, cuxa senda europea está bloqueada por Bulgaria, que aduce diferenzas históricas e lingüísticas para vetar a súa adhesión.

Neste sentido, o primeiro ministro de Albania, Edi Rama, aconsellou aos ucraínos "non facerse ilusións" sobre a súa condición de candidato a membro e lembrou que Macedonia do Norte leva xa 17 anos á espera e Albania nove.

Membro de facto da OTAN

Ucraína xa é membro "de facto" da OTAN, afirmou o asesor do xefe da Oficina Presidencial de Ucraína, Alexéi Arestóvich. Con todo, mostrouse "escéptico sobre a disposición da OTAN a aceptar Ucraína neste momento".

Ademais, o xefe da OTAN, Jens Stoltenberg, afirmou que "non pode garantir" a entrada de Suecia e Finlandia á alianza atlántica. O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, segue a manifestar que o seu Goberno non apoiará esta adhesión.

Na cuarta feira tamén trascendeu que, no contexto da cimeira da OTAN que terá lugar a partir do 28 de xuño en Madrid, o presidente dos Estados Unidos de América, Joe Biden, manterá sendas reunións co seu homologo español, Pedro Sánchez, e co rei, Felipe VI.

Comentarios