A Xustiza ucraína prohíbe as actividades do Partido dos Traballadores e eleva a 16 as formacións vetadas

A formación afirma que o Goberno impuxo múltiples atrancos burocráticos desde 2015 para evitar que suprimise as referencias ao marxismo dos seus estatutos e, así, sortear as chamadas 'leis de descomunización'.

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, no Parlamento de Kíiv. (Foto: Goberno de Ucraína / DPA)
photo_camera O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, no Parlamento de Kíiv. (Foto: Goberno de Ucraína / DPA)

Un Tribunal de Apelación da cidade de Lviv, en Ucraína, vén de resolver a prohibición das actividades do Partido dos Traballadores, unha formación de corte marxista-leninista.

Os xuíces tombaron, deste modo, as alegacións presentadas polo partido após a censura imposta polo Ministerio de Xustiza, polo que todos os seus bens e propiedades, en virtude da Lei marcial asinada polo presidente, Volodimir Zelenski, o pasado 24 de febreiro, serán requisados e postos a disposición do Estado.

O Partido dos Traballadores pasa a engrosar así unha listaxe que xa integraban unha quincena de forzas políticas, entre elas o Partido de Sharí, o partido Nashi ('Noso'), Bloque de Oposición, Oposición de Esquerda, Unión de Forzas de Esquerda, Estado, Partido Socialista Progresista de Ucraína, Partido Socialista de Ucraína, Socialistas e Bloque de Vladimir Saldo.

De feito, a pasada semana o mesmo tribunal ratificara a suspensión das actividades do Partido Comunista de Ucraína e de Feliz Ucraína. Boa parte destes partidos foron acusados de seren 'prorrusos', no que conforma unha estratexia que principiou en 2015.

Naquel ano foron aprobadas as coñecidas como 'leis de descomunización' e, desde entón, e a fin de garantir a actividade da formación, o Partido dos Traballadores tentou modificar en "numerosas ocasións" os seus estatutos para adaptarse ao novo marco legal, segundo explicou esta terza feira o seu líder e fundador, Oleksander Bondarchuk.

Así, esta forza política topou unha e outra vez co Ministerio de Xustiza cando procurou suprimir dese texto fundacional as referencias ao marxismo, unha cuestión que ratifica, e denuncia, a organización civil en defensa da transparencia política Chesno.

Todos os borradores enviados ao Ministerio, afirmaron, foron rexeitados, entendendo a Xustiza do país que quedara demostrado que se trataba dunha organización marxista e, polo tanto, susceptíbel de ser prohibida con base nestas leis.

"Como resultado destes tiracroios burocráticos non fixemos mudanza ningunha e por iso agora van prohibir o partido", lamentou Bondarchuk, a quen xa se lle abrira en 2015 unha causa penal por unha suposta agresión á integridade territorial de Ucraína a raíz dunhas informacións publicadas no xornal Robochy Klas.

Comentarios