A Xustiza británica frea o envío de solicitantes de asilo a Ruanda

Sunak apelará a decisión no Tribunal Supremo, despois de que a anulación desta política cuestione o seu plan migratorio.
Rishi Sunak a cuarta feira. (Foto: Jessica Taylor / Uk Parliament Via / DPA)
photo_camera Rishi Sunak a cuarta feira. (Foto: Jessica Taylor / Uk Parliament Via / DPA)

O Tribunal de Apelación de Londres considerou ilegal a quinta feira nunha sentenza o envío de persoas que solicitan asilo no Reino Unido a Ruanda, unha parte chave das novas normas migratorias impulsadas polo primeiro ministro conservador Rishi Sunak, coas que intenta impedir a chegada de persoas solicitantes de asilo a través do canal da Mancha.

Este veredicto, por dous votos a un no seo da maxistratura, sostén que a proposta non debe ser aceptada ao resolver que Ruanda non pode ser considerado un terceiro país seguro para enviar as persoas migrantes.

En 2022 Londres pactou con Kigali que enviaría ao país africano as persoas solicitantes de asilo entrementres estudaba as súas solicitudes, polo que pagaría máis de 160 millóns de euros. O primeiro voo en dirección a Ruanda estivo perto de despegar cando foi bloqueado polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que vetou as expulsións até que a Xustiza británica tomase unha decisión ao respecto.

Xa en decembro, o Tribunal Supremo británico concluíu que a política do Partido Conservador era legal, unha resolución apelada por organizacións de dereitos humanos e persoas solicitantes de asilo de varios Estados.

Sunak, que fixo fincapé na cuestión migratoria como un dos eixos para tratar de recuperar a vantaxe de 20 puntos que as enquisas outorgan ao Partido Laborista no medio dunha alta inflación, informou de que “discrepa fundamentalmente” da decisión xudicial, polo que a ministra de Interior, Suella Braverman, apelará a decisión hoxe no Tribunal Supremo.

A medida defendida polo Executivo británico tamén está a ser valorada pola Unión Europea, que no acordo para avanzar nun pacto migratorio abriu a porta a enviar a terceiros países que cada Estado considere seguros as persoas ás que rexeite as súas solicitudes de asilo

Persecución ás progresistas

Unha investigación pública dirixida por un xuíz retirado, cuxas conclusións se divulgaron a quinta feira, revelou que as operacións policiais no Reino Unido nas décadas de 1970 e 1980 para infiltrar máis de 1.000 organizacións de esquerda non estaban xustificadas, e tiñan que ter sido clausuradas rapidamente.

Estas operacións continuaron durante décadas, porén, as pescudas só abordaron a primeira fase, nun caso que saltou á opinión pública polas denuncias de engano de varias mulleres contra axentes infiltrados cos que mantiveron relacións longas sen saber que formaba parte dun operativo policial.

Comentarios