Despega de Londres o primeiro voo con solicitantes de asilo deportados a Ruanda

A cambio de 144 millóns de euros, Kigali acollerá solicitantes de asilo no Reino Unido que cruzaran a canle da Mancha.
Concentración nas últimas horas para protestar contra a decisión de deportacións do Executivo británico. (Foto: Sabrina Merolla / Zuma Press / Contactophoto).
photo_camera Concentración nas últimas horas para protestar contra a decisión de deportacións do Executivo británico. (Foto: Sabrina Merolla / Zuma Press / Contactophoto).

Entre sete e oito persoas, segundo as fontes citadas por medios británicos como Sky News ou a BBC, foron forzadas a embarcar onte no primeiro voo que despegou do Reino Unido en dirección a Ruanda, após o acordo chegado en abril por ambos os dous Gobernos.

A cambio de 144 millóns de euros, Kigali acollerá solicitantes de asilo no Reino Unido que cruzaran a canle da Mancha. No caso de que finalmente a súa solicitude de asilo sexa aceptada, será para residir en Ruanda, un país criticado polo Executivo de Londres, dirixido por Boris Johnson, até hai poucos meses por violacións dos dereitos humanos.

O baixo número de migrantes presente no primeiro voo responde ás distintas apelacións aceptadas polos xulgados da illa, nas que as e os afectados chegaron a denunciar torturas e ameazaron con suicidarse se Londres lles obrigaba a marchar a Ruanda. 

Así e todo, a Xustiza resolveu a semana pasada ás denuncias de varios sindicatos e organizacións non gobernamentais, que solicitaran anular o acordo bilateral, sentenciando que “é importante para o interese público que Interior poida aplicar as decisións de control da inmigración”.

Sen recoñecer cantas persoas participaron no primeiro voo, a ministra de Asuntos Exteriores, Liz Truss, sostivo esta terza feira que, aínda que o avión fora case baleiro, a medida “vale o que custa”, adiantando que até finais deste ano o número de solicitantes de asilo deportados será “importante”, e facendo fincapé en que esta política é “completamente moral” pola súa incidencia no tráfico de migrantes. Tamén Johnson reiterou que non se deixarán “disuadir” ou “avergoñar” polas críticas, garantindo a continuidade do programa.

Críticas

A pesar dos escándalos no seo do Goberno británico, como a celebración de festas durante o feche da Covid, desde a chegada de Johnson ao cargo de primeiro ministro, ningunha das propostas do seu gabinete recibira unha cantidade de críticas tan importante e de tantos sectores como o acordo con Ruanda.

Por parte da Organización das Nacións Unidas, o Alto comisionado para os refuxiados, Filippo Grandi, arremeteu a segunda feira contra a medida, un “error” que pode sentar “precedentes catastróficos”, e que definiu como “basicamente un traspaso de responsabilidades desde un país con estruturas a outro, Ruanda, que non as ten”.

Advertindo de que se esta práctica fica lexitimada outros Estados poderían optar pola mesma solución, Grandi cuestionou os argumentos británicos, salientando que aínda buscando evitar as duras viaxes a través da canle da Mancha, “esta é a maneira correcta de facelo e esta é a súa verdadeira motivación? Non o creo”.

Amais das críticas de organizacións non gobernamentais, sindicatos e forzas progresistas, nesta ocasión até o herdeiro do trono, o príncipe Carlos, marcou posición por medio dunha filtración publicada por The Times, na que cualificou a medida como “espantosa”.

Ese mesmo xornal tamén sacou á luz unha carta asinada por 26 bispos da igrexa anglicana con asento na Cámara dos Lores, entre eles os de Canterbury e York, considerados os máis influentes. Na misiva, aseguraron que esta política “debería avergoñarnos como nación”.

Kigali rexistra varias agresións aos dereitos humanos

“Continuaron as violacións do dereito a un xuízo xusto, á liberdade de expresión e á privacidade, así como as desaparicións forzadas, as denuncias de tortura e un uso excesivo da forza” por parte das autoridades, conclúe o informe 2021/2022 de Amnistía Internacional sobre Ruanda. Ao tempo, debulla mortes de persoas en custodia da policía do país africano, así como a baixa taxa de resolución de crimes acontecidos no país.

Comentarios