Rishi Sunak asumirá esta terza feira como primeiro ministro do Reino Unido

Penny Mordaunt retírase das primarias 'tories' e dá a vitoria a Rishi Sunak, novo primeiro ministro británico, que xa quedara en segundo lugar no proceso que levou ao liderado a Liz Truss.
Rishi Sunak, onte. (Foto: Victoria Jones / PA)
photo_camera Rishi Sunak, onte. (Foto: Victoria Jones / PA)

O Comité 1922 do Partido Conservador británico, encargado de pilotar o proceso de sucesión após a renuncia de Liz Truss como líder da formación e do Reino Unido, confirmou esta segunda feira que Rishi Sunak obterá ambos os cargos sen que deputados ou militantes tories teñan que votar nas primarias programadas ao converterse no único candidato que presentou os 100 avais requiridos dos lexisladores do partido.

Sunak, de orixe india, asumirá mañá oficialmente o cargo de primeiro ministro, converténdose no ocupante deste cargo máis rico, ao acumular tras o seu matrimonio con Akshata Murty arredor de 850 millóns de euros, unha cifra superior ao patrimonio estimado do monarca, Carlos III.

Na súa primeira intervención posterior ao anuncio, Sunak incidiu perante os lexisladores conservadores en que non haberá eleccións anticipadas -que vaticinan a perda da maioría dos votos para a formación-, remarcando o “período difícil” ao que se enfronta o seu Executivo e poñendo o foco en conseguir unha “economía altamente produtiva”.

Malia que Boris Johnson renunciou o domingo a presentarse contra Sunak ao non recibir os apoios suficientes de parte dos deputados tories, aínda quedaba unha candidatura anunciada, a de Penny Mordaunt, ex ministra de Defensa e líder da Cámara dos Comúns.

Mordaunt tratou de facerse cos apoios dos seguidores de Johnson, que comezaban a reclamar unha convocatoria electoral, así e todo, segundo refiren os medios locais non tería obtido as sinaturas que precisaba para competir cun Sunak que acadou o aval da metade dos lexisladores conservadores, polo que anunciou esta segunda feira antes da hora límite para a entrega dos avais a súa retirada da carreira polo liderado, reclamando unión arredor de Sunak.

A pesar de que as medidas económicas do novo primeiro ministro non difiren moito das de Truss (obrigada a renunciar polo rexeitamento ás medidas neoliberais que buscaba aplicar nos vindeiros meses), xa durante as pasadas primarias Sunak defendía que era preciso superar a situación económica actual antes de aplicar as propostas de redución de impostos -principalmente ás grandes fortunas-.

Sunak ficou en segundo lugar nesas primarias, desenvoltas polos conservadores durante o verán para substituír a Johnson, resultando derrotado por Truss, despois de ser un dos impulsores da renuncia obrigada de Johnson ao dimitir como ministro de Economía do seu gabinete.

Comentarios