Reino Unido

A Xustiza británica autoriza a deportación de demandantes de asilo a Ruanda, que "tortura e asasina os opositores"

O Tribunal Superior apoia que as solicitudes de asilo se resolvan en Ruanda e non no Reino Unido.
Manifestación en Londres contra a polémica norma o pasado 18 de agosto. (Foto: Vuk Valcic / Zuma Press)
photo_camera Manifestación en Londres contra a polémica norma o pasado 18 de agosto. (Foto: Vuk Valcic / Zuma Press)

A polémica lei migratoria coa que o Goberno do Reino Unido quere enviar en viaxe só de ida a Ruanda a persoas demandantes de asilo e procedentes deste país é "legal", segundo conclúe nun veredicto publicado esta segunda feira o Tribunal Superior de Londres. Os xuíces, deste modo, desbotan os recursos presentados por solicitantes de asilo, grupos sociais de axuda e un sindicato de funcionarios fronteirizos.

Porén, segundo expón o xornal The Guardian, a sentenza non dá 'carta branca' ao Executivo que lidera Rishi Sunak para executar esta política de deportacións, pois reprende tamén o Ministerio do Interior por "non considerar" as circunstancias concretas de oito persoas que intentou enviar a Ruanda en xuño pasado ao abeiro deste plan.

Esta vitoria parcial de Downing Street non é aínda definitiva, xa que, previsibelmente, chegarán novas apelacións. Isto suporá que os voos non poderán despegar até concluír o proceso legal, posto que así o ditaminou no verán o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Durante as vistas que decorreron desde entón no marco deste conflito político, as persoas solicitantes de asilo e mais os seus avogados denunciaron que se trata dun procedemento non só "ilegal", senón tamén "gravemente inxusto", alertando de que corren o risco de "ser expulsados sen acceso a asesoramento xurídico".

A defensa, aliás, alegou que Ruanda non é un destino seguro para estas persoas, dado que neste país africano "torturan e asasinan a quen consideran os seus opositores". E na mesma liña interveu a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), que asegurou que Ruanda "non conta cos mínimos necesarios para soster un sistema de asilo fiábel, xusto e eficaz".

Un dos xuíces, Lord Justice Lewis, dixo, en declaracións recollidas por The Guardian: "O tribunal concluíu que é legal que o Goberno faga arranxos para recolocar os solicitantes de asilo en Ruanda e que as súas solicitudes de asilo se determinen en Ruanda e non no Reino Unido".

Porén, o mesmo maxistrado matizou que o mesmo Executivo "debe decidir se hai algo nas circunstancias particulares de cada persoa que signifique que a súa solicitude de asilo debe determinarse no Reino Unido ou se hai outras razóns polas que non debe ser recolocado en Ruanda". "O ministro do Interior non considerou adecuadamente as circunstancias dos oito demandantes individuais cuxos casos avaliamos", engadiu.

Pola súa parte, o Goberno británico defendeu o seu acordo con Ruanda asegurando que "cumpre con todas as garantías" de que as persoas deportadas recibirán un "trato axeitado" perante unha serie de "programas de integración" previstos nun plan valorado nuns 120 millóns de libras.

Comentarios