Un informe revela que o M23 non está a cumprir o acordo de paz no Congo

O M23 atacou vilas incluso despois de participar na cerimonia de entrega ás forzas militares rexionais.
Un militar da RDC nos arredores da localidade de Kibumba, na provincia de Kivu Norte. (Foto: Alain Uaykani)
photo_camera Un militar da RDC nos arredores da localidade de Kibumba, na provincia de Kivu Norte. (Foto: Alain Uaykani)

A situación está cada vez máis tensa no leste da República Democrática do Congo, onde aumentan as posibilidades dunha escalada nos combates. Un informe interno da Organización das Nacións Unidas feito público a sexta feira corrobora que o Movemento 23 de Marzo (M23) non está a cumprir os acordos para acabar coa violencia na contorna de Kivu do Norte.

No pacto asinado en novembro de 2022 entre o Congo e Ruanda xunta o resto de membros da Comunidade de África Oriental fixou autorizada a intervención dunha forza rexional con soldados dos Estados integrados no organismo -que xa comezan a estar presentes na zona- para obrigar o grupo armado a “renderse” no caso de non aceptar “cesar as hostilidades e retirarse dos territorios ocupados”.

O M23 está financiado e armado por Ruanda, segundo confirmaron organismos internacionais após as denuncias congolesas, que ten ambicións territoriais na rexión, rica en recursos minerais.

A reactivación en 2022 das accións armadas da organización provocou o desprazamento forzado de cando menos 450.000 persoas fuxindo da violencia.

O informe reporta que o M23 atacou vilas incluso despois de participar na cerimonia de entrega ás forzas militares rexionais. Esta mesma semana asaltou varias localidades, facéndose co control de Nyamilima e Kisharo, e non foi confirmada a súa saída de poboacións que prometera que abandonaría nas últimas xornadas.

Pola súa parte, o grupo armado denuncia ataques das Forzas Armadas congolesas e de milicias asociadas como as Forzas Democráticas para a Liberación de Ruanda, fundada polos hutus e integrada por militares acusados de protagonizar o xenocidio ruandés. Ao tempo, o M23 critica que a organización ruandesa estea incorporada "nas institucións e no aparato de seguridade" congolés.

Comentarios