O Tribunal Supremo de Países Baixos ratificou o fallo que declarou culpábel ao líder da formación política de ultradereita Partido pola Liberdade (PVV), Geert Wilders, por insultar aos marroquís durante un acto en 2014.
O fallo da máxima corte neerlandesa ten lugar despois de que Wilders presentase unha apelación contra un fallo anterior, ditado polo Tribunal de Apelación e que sostiña que "un político tamén debe adherirse aos principios básicos do Estado de Dereito e non debe incitar á intolerancia".
A sentenza, que non examinou o fondo do caso senón unicamente o procedemento do Tribunal de Apelación da Haia, indicou que Wilders falou "deliberadamente" dos marroquís e non mencionou que se refería aos "criminais", como explicou despois, segundo un comunicado do Tribunal Supremo. Así mesmo, a corte insistiu en que a forma na que Wilders fixo as súas declaracións é "innecesariamente ofensiva" e "excede os límites da lei".
O fallo, con todo, non implica a imposición dunha pena xa que ratifica o fallo anterior, que o atopou culpábel por insultar ao marroquís pero sen incitar ao odio, polo que non lle impuxo pena algunha.
Xuízo por corrupción en Austria
O xuízo por corrupción contra o ex-vicecanciller de Austria Heinz- Christian Strache, acusado de corrupción por presuntamente recibir beneficios a cambio de apoiar a modificación dunha lei, comezou onte en Viena. En concreto, o líder do Partido da Liberdade, de extrema dereita, está acusado de aceptar un suborno a cambio de apoiar a modificación dunha lei, orientada a permitir que a xerencia dun hospital de Viena puidese cargar certos tratamentos médicos directamente á seguridade social austríaca.
O partido de Strache recibiría unha doazón de 10.000 euros procedente da citada xerencia, nun movemento que o fiscal considera un intento de comprar unha modificación lexislativa.
O fiscal tamén remarcou que o xerente do hospital convidou a Strache e á súa muller á illa grega de Corfú no seu avión privado. O asunto tamén estivo baixo o foco dunha comisión de investigación parlamentaria que se ocupa de esclarecer o que en Austria se coñece como o 'Eivissa affair', un caso de corrupción detectado no seo da coalición gobernamental.