A pandemia afonda na fenda interna entre bloques na UE

Alemaña e os Países Baixos manteñen as súas reticencias a asumir a débeda económica conxunta que se xere a raíz da crise do coronavirus. As peticións de solidariedade por parte de Italia e de España son respondidas polos países ricos sinalando que nesta última década, coma eles, debían ter feito os deberes.
HANDOUT - 18 February 2020, Belgium, Brussels: (L-R) Dutch Minister of Finance Wopke Hoekstra, German Minister of Finance Olaf Scholz and Director General for Economic Affairs and Competitiveness Carsten Pillath attend the meeting of EU finance ministers at the Europa building in Brussels. Photo: Enzo Zucchi/European Council/dpa - ATTENTION: editorial use only and only if the credit mentioned above is referenced in full
ONLY FOR USE IN SPAIN

HANDOUT - 18 February 2020, Belgium, Brussels: (L-R) Dutch Minister of Finance Wopke Hoekstra, German Minister of Finance Olaf Scholz and Director General for Economic Affairs and Competitiveness Carsten Pillath attend the meeting of EU finance ministers at the Europa building in Brussels. Photo: Enzo Zucchi/European Council/dpa - ATTENTION: editorial use only and only if the credit mentioned above is referenced in full
  (Foto de ARCHIVO)

18/2/2020 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Á esquerda, o ministro de Finanzas alemán, Olaf Scholz, e no centro, o neerlandés, Wopke Hoekstra (Enzo Zucchi / dpa)

Arredor das 19 horas da quinta feira constatouse o que xa se viña ventando durante toda a semana: os países ricos non están dispostos a acudir ao rescate de Italia e de España, os Estados membros da UE máis afectados pola pandemia da COVID-19. Isto é, non se emitirán eurobonos, o xa popularmente coñecidos como "coronabonos". 

A emisión destes bonos, que non son xerados por un país individual, senón pola eurozona no seu conxunto, xa se discutiu despois da crise de 2008. Dado que os 19 Estados do Eurogrupo teñen unha moeda e un banco central comúns, por que non teren os seus propios bonos?, pregúntanse desde sempre os seus defensores.

Mais os seus detractores apoñen que castigaría os países que cumpren coa disciplina orzamentaria, que teñen as súas finanzas saneadas. Esta idea fíxose carne, con toda a súa crueza, na reunión que os ministros de Economía da UE (o Eurogrupo) mantiveron na terza feira. "Os Países Baixos piden á Comisión Europea un informe sobre por que algúns países da UE acumularon reservas financeiras nos últimos anos, mentres que outros non o fixeron", anunciou nesa xuntanza o ministro de Finanzas, Wopke Hoekstra, segundo o diario neerlandés De Volkskrant

Tamén a prensa alemá recolle a postura da Unión Demócrata Cristiá (CDU) de Angela Merkel, que considera que de se ceder na cuestión dos eurobonos, o Goberno alemán perdería soberanía sobre a súa política orzamentaria. 

"Discurso repugnante"

A postura neerlandesa e alemá, que apoian explicitamente tamén Austria e Finlandia ─e, sen pronunciarse, implicitamente, outros─ xerou un gran malestar entre os países máis afectados pola pandemia. E nos seus veciños. O primeiro ministro portugués, António Costa, dixo onte, a respecto das palabras de Hoekstra, que "esse discurso é repugnante no quadro de uma União Europeia. E a expressão é mesmo essa. Repugnante".

Porque na xuntanza telemática de xefes de Estado e de Goberno desta quinta feira (o Consello Europeo) volveuse pór de manifesto a fonda división que existe no seo da UE, que para os defensores do proxecto europeo se fai máis inexplicábel no medio desta pandemia.   

Débeda pública

Italia, Francia, España, Portugal, Grecia, Irlanda, Bélxica, Luxemburgo e Eslovenia volveron avogar pola emisión dos eurobonos. Estes nove países suman 57% do PIB da eurozona, mais acumulan máis de 72% da débeda total e 222% do déficit, segundo os últimos datos dispoñíbeis en Eurostat, de 2018. Nomeadamente, Italia ten 135% de débeda e Portugal, 122%, mentres que Francia e España rozan 100%. 

Este é o argumento usado por Alemaña (62%), Finlandia (59%) ou Países Baixos (52%). Defenden que o seu superávit compensa o furado fiscal provocado polo resto. Apuntan tamén que desde 2011, cando os líderes europeos acordaron pór en marcha os mecanismos de supervisión e control das contas macroeconómicas, os nove países que avogan polos eurobonos elevaron a súa débeda en case 1,5 billóns de euros, mentres que o resto de membros da eurozona a baixaron en 136.000 euros.

Neste sentido, o ministerio de Economía alemán, segundo recolle Der Spiegel, calcula que a implantación dos eurobonos suporía un incremento do interese da súa débeda de aproximadamente 0,8%.

Política externa e interna

Porén, o papel da UE ante a actual pandemia ─sinalan os seus defensores─ debería ir alén da cuestión económica e obviar neste escenario quasi bélico os balances contábeis. Creada despois de dúas devastadoras guerras mundiais, o proxecto comunitario permitiu ao continente vivir o período máis longo de paz da súa historia. 

Mais o seu espírito está na picota, e cada vez se escoita con maior forza entre os Estados afectados como Italia, tal e como apunta o Corriere della Sera, que "a China, Rusia e Cuba fan máis por nós que a UE", coas implicacións xeoestratéxicas que iso ten. 

A este respecto, o Washington Post escribía recentemente: "a China e, en menor medida, Rusia, deron un paso adiante para axudar as nacións afectadas. Un papel desempeñado polos EUA desde os tempos da Segunda Guerra Mundial".

Medo á extrema dereita

Tamén politicamente, mais internamente, a postura de Alemaña, os Países Baixos, Finlandia, Austria e varios Estados membros máis tería outra explicación para os analistas: as cesións económicas e de material médico poderían dar máis combustíbel neses países a unha extrema dereita que xa ameaza na actualidade con desbancar as formacións conservadoras clásicas, desde o liberalismo á democracia cristiá. 

Ese temor é o que tamén, ademais do económico, move a que "demasiados optasen por un 'todo para min' nun primeiro momento", tal e como sinalaba a presidenta da Comisión Europea durante o pleno extraordinario do Parlamento Europeo desta quinta feira. Ursula von der Leyen preguntábase ademais: "Dividiranos este virus definitivamente entre ricos e pobres? Entre os que teñen moito e os que non teñen nada, ou manterémonos como un continente sólido?". E pediu que se actúe "cun corazón grande, non con 27 pequenos".

Comentarios