Holanda: a alta participación frea o avanzo da dereita extrema de Wilders

A formación do primeiro ministro, Mark Rutte, é o máis votado embora perder 9 escanos. A outra pata da ‘gran coligazón, os socialdemócratas, caen 29 deputados e fican con 9. O maior medre, a Esquerda Verde, con 14 parlamentares.

Holanda wilders
photo_camera Holanda wilders

Unha participación histórica, o 82%, contivo a dereita extrema holandesa, cuxos resultados ficaron moi por baixo do que eles propios agardaban e que lle vaticinaban enquisas e sondaxes. O Partido Popular pola democracia e a liberdade, que así se chama a plataforma que lidera Geert Wilders, obtivo 20 escanos, catro máis que na cita anterior mais moi lonxe da formación máis votada, os liberais de centro dereita do primeiro ministro Mark Rutte, VDD, que logrou 33 deputados.

Mais o VDD tamén pagou a factura do seu goberno destes anos, perdendo 9 escanos a respecto das anteriores eleccións. Ora ben, os principais damnificados foron os socialdemócratas, que gobernaron en coligazón cos liberais de dereita. O Partido Traballista (Pvda) obtivo 9 escanos, perdendo 29. Lodewijk Asscher, líder da formación, non puido evitar as bágoas na súa comparecencia ante os medios, se ben dixo que seguiría á fronte da formación.

O terceiro posto nos comicios holandeses foi para os democriustianos do CDA, que lograron 19 dos 150 deputados que ten o Parlamento, seguidos dos liberais de esquerdas de D66, con 18. En quinto lugar figura unha das sorpresas da noite, a Esquerda Verde, que pasou de 4 a 14 deputados. O Partido Socialista atinxiu 14 parlamentares, perdendo só 1 a respecto da anterior cita coas urnas.

Un total de 13 formacións van ter representación no novo Parlamento, entre elas novidades como o Partido dos Animais ou Denk. Esa pluralidade obriga a contactos e coligazóns para ter un goberno estábel. Xa non abonda só cun pacto entre centro dereita do VDD e traballistas, que hai catro anos representaban 80 escanos (a maioría aestá en 76).

Comentarios