Xi pide unha orde mundial xusta mentres medra a tensión cos EUA

O presidente chinés declara que "nunca" buscará a hexemonía non expansión da China no mundo.
O presidente chinés, Xi Jinping (Foto: Li Gang / Contactophoto)
photo_camera O presidente chinés, Xi Jinping (Foto: Li Gang / Contactophoto)

O presidente da China, Xi Jinping, cargou contra os países que piden "arrogantemente" a outros que "interfiran" en asuntos internos de terceiros e asegurou que Beijing seguirá apostando pola paz no mundo, colaborando co desenvolvemento global e defendendo a orde internacional. Así se pronunciou Xi na apertura da XX edición do Foro de Boao, que decorre na illa chinesa de Hainan para fomentar  a cooperación entre os Estados asiáticos, o diálogo e as relacións económicas con outras rexións do mundo.

"A China, independentemente do nivel do seu desenvolvemento, nunca buscará a hexemonía ou a expansión no mundo, non buscará estender a súa influencia ou participar nunha carreira  armamentista", prometeu esta terza feira, 10 de abril, Xi Jinping. 

As súas palabras chegan logo de que o presidente dos Estados Unidos de América (EUA), Joe Biden, emitise a pasada semana un comunicado co primeiro ministro xaponés, Yoshihide Suga, en que situaba a China como "adversaria política".

Washington está tratando de consolidar as súas alianzas con Europa e Asia, co secretario de Estado, Antony Blinken, resaltando a importancia de "achegarse á China desde unha posición de poder".

Pola súa banda, o ex presidente estadounidense Donald Trump recomendou esta terza a Biden mellorar as relacións con Rusia para evitar a creación dunha alianza entre esta e a China. 

Os novos camiños da seda

Os proxectos para realizar no marco da Iniciativa da Franxa e o Roteiro (coñecida tamén como "novo roteiro da seda") permitirá a 7,6 millóns de persoas no mundo vencer a extrema pobreza cara ao ano 2030, afirmou o presidente chinés no Foro de Boao. 

Precisamente, o pasado 25 de febreiro Xi Jinping declarou a "vitoria plena" da China na loita contra a pobreza absoluta. 

Comentarios