[VÍDEO] Activistas polo clima lanzan puré de pataca sobre un cadro de Monet en Alemaña

A Policía mantén unha operación en marcha no museo Barberini de Potsdam.
monet
photo_camera Activistas ante o cadro de Monet reivindican a súa acción.

Dous activistas do grupo alemán de protesta pola protección do clima 'Letzte Generation' (Última Xeración) atacaron este domingo un cadro do pintor impresionista francés Claude Monet lanzando puré de pataca contra a obra no Museo Barberini de Potsdam, ao sur de Berlín.

A obra, pertencente á serie 'Lles Meules' (Os Palleiros) de Monet (1889-1891), foi bañada cunha masa viscosa, segundo explicou a portavoz do museo, Carolin Stranz.

O grupo responsábel asegurou que se trata de puré de pataca, polo que o persoal especializado traballa xa para examinar posíbeis danos no cadro.

Catástrofe climática

Nas acción participaron catro persoas, incluídas as dúas activistas que lanzaron a masa viscosa antes de se pegaren ao chan con pegamento.

Após cubrir a pintura co puré de pataca, os activistas polo clima lanzaron unha mensaxe dirixida á clase política, á que urxe cambiar a forma de facer as cousas en relación co cambio climático, a tomar medidas efectivas.

"A xente está morrendo de fame", declararon, nun contexto de "catástrofe climática" que, de non mudar, presaxia grandes dificultades para as persoas.

En concreto, afirmaron, "a ciencia di que en 2050 non seremos capaces de alimentar as nosas familias. E vós estades preocupados por unha sopa de tomate ou un puré de pataca nunha pintura?"

"Esa pintura non valerá nada se nos temos que pelexar pola comida", concluíron.

Sopa de tomate sobre un Van Gogh

Hai pouco máis dunha semana, activistas lanzaron sopa de tomate ao cadro 'Os Xirasois', do artista holandés Vincent van Gogh, na National Gallery de Londres. O marco resultou lixeiramente danado no ataque.

O cadro da serie 'Lles Meules' pertence á exposición permanente do Museo Barberini, procedente da colección do seu fundador, o multimillonario Hasso Plattner.

A Policía limitouse a confirmar que hai unha operación en marcha no museo.

Comentarios