A ONU celebra o papel da China para acabar coa guerra en Europa

A OTAN critica que Beijing non condene Rusia mais dá a benvida ás conversas, reiterando que enviou practicamente todo o equipo militar solicitado por Kíiv para a súa contraofensiva.
Edificio atacado en Donetsk. (Foto: Yuliia Ovsyannikova  / Europa Press / Contacto)
photo_camera Edificio atacado en Donetsk. (Foto: Yuliia Ovsyannikova / Europa Press / Contacto)

Farhan Haq, voceiro adxunto da Secretaría Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), celebrou na madrugada da cuarta á quinta feira a “participación” da China para por fin á guerra en Ucraína, tras a conversa a cuarta feira entre o presidente chinés, Xi Jinping, e o mandatario ucraíno, Volodimir Zelenski, que implicará o envío a Kíiv dunha representación chinesa que terá como obxectivo un acordo político que acabe coas hostilidades.

Amais, Haq alentou a implicación de todos os Estados, “incluídos por suposto os membros do Consello de Seguridade, nas contribucións que poidan facer á resolución da crise que afecta Ucraína e Rusia”, e recalcou que a ONU “agarda que a China siga a desempeñar un papel útil” no que atinxe á guerra en Europa.

Para o ministro de Asuntos Exteriores chinés, Qin Gang, a conversa entre os dous líderes “demostra unha vez máis a posición constante da China de promover a paz e o diálogo”, incidindo en que “por moi complicado que sexa” a guerra só se pode resolver por medio de negociacións e dunha solución política.

Á vez, a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), deu a benvida por medio do secretario xeral Jens Stoltenberg ao diálogo entre a China e Ucraína, mais incidiu en que Beijing “non foi capaz de condenar a guerra ilegal de Rusia” e reiterou como nas últimas semanas que, antes de negociar, Ucraína ten que ter éxito no campo de batalla, en alusión á contraofensiva militar ucraína que se viu anunciando nas últimas semanas.

Ao respecto, Stoltenberg asegurou que entregaron a Kíiv 98% do equipo militar prometido, que inclúe 1.550 vehículos blindados e 230 tanques, no medio de fortes presións -segundo os medios especializados- dos países occidentais para que as Forzas Armadas ucraínas lancen un ataque e xustificar así os case 70.000 millóns de euros de armamento entregados ao país desde a invasión rusa.

A pesar diso, as filtracións da Intelixencia dos Estados Unidos e fontes militares puxeron en dúbida a posibilidade real de que Ucraína consiga avances militares significativos ao longo deste ano.

Arredor dese asunto, o líder ruso de Donetsk, Denis Pushilin, afirmou que “aínda que o réxime ucraíno non a queira e aínda que teman o fracaso, veranse forzados”, mentres que medios como Reuters fixeron fincapé onte na preparación ucraína antes da ofensiva próxima.

A nivel militar, as tropas ucraínas seguen retrocedendo en Bakhmut, no Donbás, onde apenas controlan unha pequena zona no oeste da localidade.

Comentarios