Catalunya

Valtònyc anuncia o seu retorno após prescribir a condena polas súas cancións

O rapeiro Josep Miquel Arenas residiu en Bélxica, que rexeitou a súa extradición, desde que fora condenado a prisión en 2017 polos delitos de "enaltecemento do terrorismo", "inxurias á Coroa" e "humillación das vítimas".
Carles Puigdemont e Valtònyc. (Foto: @valtonyc)
photo_camera Carles Puigdemont e Valtònyc. (Foto: @valtonyc)

O rapeiro mallorquino Josep Miquel Arenas, coñecido artisticamente como Valtònyc, asegurou este sábado que regresa a Catalunya após seis anos no estranxeiro: "Volver sempre é a mellor parte da aventura". Anunciouno nunha mensaxe na rede social X na que tamén achegou tres fotografías xunto ao ex president da Generalitat Carles Puigdemont.

"Grazas por acompañarme durante estes seis anos de exilio e agora tamén neste primeiro traxecto de volta a casa. Por todo o que loitamos, rimos, vivimos e choramos. Grazas, president", engadiu o músico. O seu avogado, Gonzalo Boye, asegurou nunha entrevista en RAC1 que Valtònyc chegará a Catalunya este mesmo sábado, logo de que na sexta feira se lle comunicase a prescrición da súa condena polos delitos de "enaltecemento do terrorismo", "inxurias á Coroa" e "humillación ás vítimas" por mor das súas cancións.

Afirmou que regresa en coche e que Puigdemont, con quen se axudou " moito" estes anos, será o seu acompañante durante unha parte do camiño e despois regresará a Bruxelas (Bélxica), onde reside actualmente.

Boye asegurou que o rapeiro "xa é un home libre" e non pode ser detido, e que cando chegue visitará Catalunya e tamén as Illes Balears, onde está a súa familia. Preguntado por se participará nun concerto en Barcelona programado para este domingo en apoio a Palestina, Boye non o descartou: "Pode ser. Eu a verdade non me meto na súa axenda cultural, pero xa lle digo: el, organizar un concerto, non. Pero participar nun, claro, por que non?".

Segundo informa o xornal catalán VilaWeb, a pena xa prescribira o pasado mes de marzo, mais a Xustiza española "ocultoullo" á defensa do artista. "Pasaran os cinco anos da prescrición da pena máis alta, a de enaltecemento do terrorismo, e o auto dos maxistrados José Antonio Moura Alarcón , Fernando Andreu e Joaquín Delgado, ao que tivo acceso VilaWeb, así o constata, e daba a orde de que deixasen de producir efecto as ordes de detención vixentes contra Valtònyc", explica o xornalista Josep Casulleras Nualart.

Desde entón, Valtònyc puido moverse libremente e regresar sen risco de detención á súa casa, pero non llo comunicaron aos seus avogados, segundo apuntan agora fontes da defensa. En 2021 a Xustiza belga xa rexeitara extraditalo ao Estado español.

Comentarios