A vacina cubana contra a Covid-19, Mambisa, ten o potencial para "inducir unha resposta inmune a nivel nasal", afirman a comunidade científica

Mambisa está a ser considerada como una dose de reforzo con “calquera outra vacina” segundo a directora de investigacións clínicas do Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía (CIGB) cubano, Verena Muzio.
Picada de Soberana 02, unha das cinco vacinas cubanas. (Foto: Joaquín Hernández / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Picada de Soberana 02, unha das cinco vacinas cubanas. (Foto: Joaquín Hernández / Xinhua News / Contactophoto)

A comunidade científica cubana destaca avances na loita contra a pandemia da Covid-19 coa nova vacina que denominaron Mambisa, que é un dos primeiros fármacos anticovid de uso nasal.

En fase de estudo clínico

Mambisa encóntrase nestes momentos en fase de estudo clínico e, segundo afirma a directora de investigacións clínicas do Centro de Enxeñaría Xenética e Biotecnoloxía (CIGB)  de Cuba, Verena Muzio, "deseñouse como unha vacina de administración por vía intranasal, que é unha vía moi promisoria para a aplicación de vacinas pola potencialidade de inducir unha resposta inmune a nivel da mucosa nasal, que é o sitio de entrada do SARS-CoV-2".

Ademais, Muzio afirma que a aplicación de Mambisa nas persoas que participan nos ensaios clínicos mostraron un considerábel aumento de anticorpos. "Na fase 1, os datos mostraron un incremento dos títulos de anticorpos moi elevados en relación coas condicións que tiña o individuo antes de comezar o estudo", manifestou Muzio.

Con case a totalidade da poboación cubana vacinada contra a Covid-19, Verena Muzio indicou que Mambisa está a ser valorada como unha dose de reforzo con "calquera outra vacina".

Un verdadeiro orgullo sanitario

A pesar do bloqueo económico que a illa de Cuba sofre por parte dos Estados Unidos desde hai 60 anos, a comunidade científica cubana continúa a elaborar vacinas contra a Covid-19 integramente con medios propios.

Nós Diario informaba en maio de 2021 do fito que a medicina cubana atinxía coa inoculación de outras dúas vacinas xa desenvolvidas por científicos da illa: Soberana 02 e Abdala. 

Comentarios