Redacción 24/xan./22 - 17:55 Seguinte chevron_right +Info SOCIAL É posíbel que unha vacina evite 100% de infeccións por Covid? Un estudo elaborado polos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades de Estados Unidos (CDC, polas súas siglas en inglés) vén de concluír que as vacinas de reforzo contra a Covid-19 de ARN mensaxeiro —quer de Pfizer quer de Moderna— son 90% eficaces para protexer contra as hospitalizacións relacionadas coa variante Ómicron. O valor da terceira dose dunha vacina de ARNm é significativo, xa que dúas doses só foron 38% efectivas na protección contra as visitas a urxencias relacionadas con Ómicron, en comparanza con 82% coas tres doses, e só 57% efectivas na protección contra as hospitalizacións por Ómicron. Estas doses de reforzo foron aínda máis eficaces contra a variante Delta, protexendo contra 94% das visitas a urxencias e as hospitalizacións. "Os nosos achados proporcionan unha evidencia importante de que as vacinas de reforzo son altamente efectivas e que aquelas persoas que non están vacinadas teñen un risco significativamente maior de experimentaren resultados máis graves de Covid-19 e deberían vacinarse e obter a dose de reforzo tan cedo como for posíbel", explica un dos autores da investigación, Shaun Grannis, profesor de Medicina Familiar na Escola de Medicina da Universidade de Indiana (EUA). Este estudo pertence á Rede Visión, que se levou a cabo en dez estados dos EUA entre agosto de 2021 e xaneiro de 2022. Os CDC colaboraron con seis sistemas sanitarios estadounidenses, alén do Instituto Regenstrief, para crear esta rede coa fin de avaliar a eficacia da vacina. Terceira dose na Galiza para menores de 30 Cómpre salientar, por outra parte, que esta segunda feira principiou a vacinación das persoas de entre 18 e 29 anos en todas as áreas sanitarias da Galiza, mentres ao mesmo tempo proseguen as repescas noutros treitos de idade. Entre as persoas que abrangue este colectivo e máis quen quedan pendentes de anteriores quendas serán chamadas ao longo desta semana, segundo estimou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, arredor de 165.000 galegas e galegos. En termos globais, 88,3% da poboación do país conta xa con dúas doses da vacina contra a Covid-19 —2.384.277 persoas—. E no que atinxe á vacina pediátrica, até o momento recibiron cando menos a primeira pauta 115.008 menores de 10 a 14 anos e 83.576 de 5 a 9, outorgando unha cobertura de 80,9%, mentres no conxunto do Estado a media neste grupo de idade é de 51,8%. Etiqueta Covid-19 vacinación ómicron Seguinte chevron_right
SOCIAL Alerta amarela en toda a costa galega esta sexta feira por ondas de até cinco metros Redacción 28/mar./24 19:22
SOCIAL Cibercarrachos rouban a Podemos 30 xigas de información de afiliadas Redacción 28/mar./24 19:07
SOCIAL VÍDEO | Novo agravio ao Panteón de Galegas Ilustres: pingueiras sobre a sepultura de Castelao Redacción 28/mar./24 17:19
SOCIAL A solidariedade galega enche as reservas de sangue: 38,4 doazóns por cada 1.000 habitantes Y. C. M. 28/mar./24 14:02
SOCIAL Interceptado un condutor que se dera á fuga en Culleredo após bater contra tres coches Redacción 28/mar./24 13:11
SOCIAL Rescatan a un home tras precipitarse por un barranco o coche que conducía en Covelo Redacción 28/mar./24 11:13