venres 25/09/20

Urkullu non descarta ter que volver a suspender as urnas

O lehendakeri vasco Iñigo Urkullu convocou as eleccións para o próximo domingo 12 de xullo. Defende que a data que máis garantías ofrece pero recoñeceu que cabe a posibilidade de volver suspendelas. A maioría da oposición critica que o PNV priorice o confronto electoral á loita contra o coronavirus. 
O presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu, anunciou en rolda de prensa a cita electoral (Imaxe: Mikel Arrazola)
O presidente de Euskadi, Iñigo Urkullu, anunciou en rolda de prensa a cita electoral (Imaxe: Mikel Arrazola)

Iniciaba a segunda feira, 18 de maio, cunha convocatoria do Consello do Goberno vasco para as 13 horas. Remataba así a incertidume sobre cando votaría a sociedade vasca, pois esa reunión de urxencia do Executivo deixaba claro que a data escollida polo lehendakari Iñigo Urkullu non era outra que o vindeiro domingo 12 de xullo.

O mandatario vasco comparecía finalmente cara ao medio día na sede da Lehendakaritza para desvelar a súa decisión final. Anunciaba así a data dos comicios e daba a coñecer que procedía a asinar o decreto de eleccións que na terza feira precisamente publicará o Boletín Oficial do País Vasco.

"Os comicios vanse realizar con todas as garantías para as persoas", aseverou Urkullu, ao tempo que describiu a situación sanitaria actual como "significativamente mellor", en comparación a cando se declarou a emerxencia sanitaria, o pasado 13 de marzo.

Porén, en Euskadi, e pese a estaren na fase inicial do desconfinamento, nin tan sequera poden grupos de persoas reunirse en domicilios. A pesar desta situación, para que as eleccións vaian para adiante, e alén de que se manteña o estado de alarma, cumpriría deixar sen efecto a declaración de situación de emerxencia sanitaria decretada polo Goberno vasco en marzo. O acordo asinado para a suspensión dos comicios do 5 de abril recollía precisamente que para volver convocar non podía haber emerxencia sanitaria. Precisamente hoxe Euskadi pasa da fase de emerxencia á de vixilancia sanitaria. O propio Urkullu afirmou que se atopan "nunha nova etapa de vixilancia e control".

A duración da campaña podería reducirse a unha semana, mais o lehendakari deixou esta decisión en mas dos partidos vascos. 

O presidente vasco afirmou que se manterá aberto a suspender a cita coas urnas por segunda vez se for necesario en función da situación sanitaria. Mais, nese caso, xa sinalou que as urnas ficarían para o mes de setembro ou mesmo de outubro. 

A maioría da oposición, mesmo o PP, critica a decisión de Urkullu

A segunda forza por detrás do PNV, EH Bildu (18 escanos), está en contra de votar o 12 de xullo, pois defende que a prioridade sexa a loita contra o virus, previr o contaxio e facer fronte á crise económica, en lugar da pugna electoral. Coincide nos argumentos con Elkarrekin-Podemos, terceira forza con 11 actas.

Mesmo o candidato de Cs+PP (9 escanos), Carlos Iturgáiz, criticou nunha entrevista radiofónica o adianto electoral sinalando que se debía a intereses electoralistas de Urkullu. "O PNV propuxo as eleccións en xullo porque estamos vendo o que acontece co partido. Ese mito da súa boa xestión estase a esborrallar", dixo.

Idoia Mendia, candidata do PSE-PSOE (9 escanos), que partilla o Executivo co PNV, amosouse preparada para a cita electoral e sinalou que "máis que nunca Euskadi necesita un Goberno forte e estábel".

comentarios