Eleccións

Euskadi marca a axenda: eleccións galegas

Alberto Núñez Feixoo convoca os comicios galegos para o 5 de abril
Reunión extraordinaria do Consello da Xunta esta segunda feira (Arxina).
photo_camera Reunión extraordinaria do Consello da Xunta esta segunda feira (Arxina).

Poucas horas despois de que o lehendakari, Íñigo Urkullu (PNV), anunciara a convocatoria de eleccións vascas para o 5 de abril, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, facía o propio na Galiza e puña fin a meses de rumores: coincidirán os comicios galegos cos de Euskadi. O seu argumento: "É o mellor para a Galiza". A oposición dista da explicación de Feixoo e asegura que o adianto ten a ver cos intereses do Partido Popular. O presidente da Xunta deixou para hoxe o seu anuncio como candidato do PP. Até o momento, tan só PSdeG, con Gonzalo Caballero, e BNG, con Ana Pontón, elixiran aspirante á Presidencia da Xunta.

Os rumores sobre un posíbel adianto electoral foron collendo forza conforme avanzaba o día, unha vez feito público que o lehendakari Iñigo Urkullu convocaría as eleccións ao Parlamento vasco o 5 de abril. Preguntado ao respecto polos medios durante unha visita a unha granxa en Mazaricos, Alberto Núñez Feixoo daba a primeira pista, "o que vaiamos decidir imos decidilo de maneira inmediata e vostedes van ter, por suposto, unha comunicación directa". Non sen antes advertir o que, xa pola tarde, sería o seu mantra: "A decisión que teñamos que tomar non vai ter unha relación directa co que formule o lehendakari, non ten a ver co que diga hoxe ás 16 horas, senón co que pensemos que é mellor para a Galiza".

A evidencia chegou co anuncio dunha convocatoria extraordinaria do Consello da Xunta e coa súa posterior rolda de imprensa. Por cuarta vez, Galiza irá da man de Euskadi ás eleccións. Feixoo sinalou que co posíbel adianto electoral anunciado polo president Quim Torra en Catalunya, e coa confirmación da data para as eleccións vascas, o Estado "podería vivir tres eleccións nun período de entre tres e sete meses, e isto non é compatíbel coa responsabilidade que defendemos desde Galiza".

"As galegas xa me coñecen ben, con todos os defectos que posúo e con algunha virtude, se é que realmente a teño. E, por tanto, saben que son previsíbel". Así xustificou o actual presidente da Xunta o feito de adiantar as urnas galegas para que coincidan coas vascas por cuarta vez consecutiva, como sucedeu en 2009, 2012 e 2016. "Sempre intentamos defender a concentración das eleccións nunha única xornada", apuntou.

Feixoo, que asinou onte o decreto para convocar as eleccións á Xunta o vindeiro 5 de abril, lembrou que "Galiza, como o resto do Estado, vén de vivir catro procesos electorais en 2019: dúas eleccións xerais, unhas municipais e unhas europeas" e incidiu na "situación de inestabilidade", para apuntar que desde Galiza "sempre intentamos aportar estabilidade ao conxunto das familias e da nación". "Fixémolo durante a crise económica e tamén aportamos estabilidade durante toda a crise institucional que vivimos no Estado nos últimos anos. Un Estado que desde 2015 entrou en dúas fases distintas de bloqueos, de moción de censura e de repeticións electorais", describiu.

Situado no ocaso da política estatal, o líder dos populares galegos alegou que este 2020 tiña que convocar eleccións no país "si ou si". "A decisión que veño de adoptar é a de reducir ao máximo o período electoral para preservar a normalidade e a estabilidade institucional e social na Galiza, característica dos últimos once anos", aseverou.

Un argumento, o de diminuír o tempo de precampaña, que tamén foi empregado por Urkullu no seu anuncio de onte. Galiza leva xa uns meses coa precampaña de fondo, derivada das continuas citas electorais ás que se referiu Feixoo. "Entre un período electoral de 54 días, ou de 6 ou 7 meses, o máis beneficioso para Galiza é o primeiro", concluíu por "cuestión de coherencia".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios