Urdangarín tenta desvincular o Rei malia as probas de Torres

Máis de trescentas persoas manifestábanse diante do xulgado de Palma á espera da entrada do xenro do Borbón. Iñaqui Urdangarín tentou na segunda declaración diante do xuiz desvincular o Rei dos seus negocios contra as probas apresentadas polo seu socio Diego Torres que o situaban como "xefe" do entramado de Nóos.
Urdangarín á entrada dos xulgados de Palma
photo_camera Urdangarín á entrada dos xulgados de Palma

En apenas meia hora, o xenro do Rei leu un escrito encamiñado a desvincular á Casa do Rei dos negocios polos que está acusado de seis delitos. Segundo Urdangarín, o Rei "nin opinou, nin asesorou" as actividades de Nóos polas que está acusado de desvío de case seis millóns de euros de distintas administracións públicas. Contra o que declarou o seu ex-socio no Instituto Nóos a pasada semana, a estratexia de Urdangarín diante do xuiz Castro está a ser salvar á Casa do Rei das acusacións e afirmar que desde a xefatura do Estado se lle recomendou deixar de realizar as actividades que o conduciron aos xulgados. 

O xenro do Rei terá que responder agora ás preguntas da fiscalía e agárdase que teña que dar algunha explicación tamén ao feixe de correos electrónicos apresentados por Diego Torres na súa intención de implicar ao máximo representante da xefatura do Estado nos delitos polo que está a ser xulgado o home da infanta Cristina. A declaración de Torres deu un xiro na investigación da trama ao apresentar ampla documentación e testificar sobre a implicación directa de Cristina e o Rei nas operacións de Urdangarín. A continuación terá que declarar o secretario das infantas, un episodio máis que pon á casa do Rei na diana da investigación. 

Urdangarín anunciou que impugnará os correos do seu ex-socio Torres para que non formen parte da causa. 

Comentarios