Urdangarín declara ante o xuíz após Torres dicer que o Rei é o xefe da trama

Un ano despois da súa primeira declaración, Iñaqui Urdangarín volve por segunda vez aos xulgados de Palma como imputado. A Casa Real teme este novo encontro xudicial despois de o seu socio Diego Torres sinalar a connivencia do Rei nas operacións do xenro. "O xefe é o Rei", tería dito Torres.
Urdangarín
photo_camera Urdangarín


O Duque de Palma volve de novo á cidade que xa lle retirou o seu nome a unha rúa para declarar diante do xuíz José Castro a partir das 9.30 da mañá por seis delitos de fraude fiscal e malversación. Iñaqui Urdangarín, xenro do Rei, terá que dar conta tamén das declaracións do seu ex-socio Diego Torres que acusou á Casa do Rei de connivencia nos negocios do xenro.. Segundo Torres, a Casa do Rei en ningún momento pediu a Urdangarín que abandonase a súa actividade, senón “que gardara as apariencias”. Na vista declarará tamén o secretario das Infantas, Carlos García Revenga, a quen tamén Torres puxo no punto de mira ao afirmar que estaba ao tanto de todas as operacións desenvolvidas por Nóos.

As declaracións de Diego Torres deron un xiro ao xuizo ao acusar á Casa do Rei de supervisar, en especial a través de Carlos García Revenga, as xestións do grupo que xestionaba xunto a Urdangarín e que suporían o desvío de case seis millóns de euros. Torres apuntaba cara o Borbón a través dun amplo conxunto de correos electrónicos cruzados nos que se deixaba á vista o seu coñecemento e mesmo participación nos negocios fraudulentos do xenro e implicaba tamén á infanta Cristina nas xestións que levaron a Urdangarín diante do xuíz.

Os que foran socios en Nóos están a cruzar responsabilidades nas súas declaracións xudiciais. Se Urdangarín fixo fincapé na súa declaración de hai un ano no papel de Torres na fraude, Torres botou de novo a pelota sobre o tellado de Urdangarín e a Casa do Rei como actores principais da trama creada arredor do Instituto que nacera como entidade sen ánimo de lucro.

No remate da declaración de Urdangarín, pasará polo xulgado un home de confianza da Casa do Rei, o secretario das infantas Carlos García Revenga, que tomou parte tamén na xunta directiva de Noos, un nome que pola súa implicación no caso fai que as miradas apunten aínda con máis forza aos Borbóns.

Comentarios