Diego Torres: "O xefe é o Rei"

Segundo publica InfoLibre.es, Diego Torres, ex socio de Iñaki Urdangarín, apuntou directamente o Rei na súa declaración perante o xuíz.
O Borbón con Urdangarín e a súa filla Cristina
photo_camera O Borbón con Urdangarín e a súa filla Cristina

A xornalista Alicia Gutiérrez publica hoxe unha información en InfoLibre.es segundo a cal Diego Torres tería mostrado ao xuíz diversos correos electrónicos trocados con Urdangarín.

Nun deses correos o xenro do Borbón tería escrito: "Deixa que o consulte co xefe". De acordo co manifestado por Torres ao xuíz, o xefe sería Juan Carlos I.

Esta revelación teríalla feito Torres ao xuíz ao lle relatar os pormenores dunha das operacións irregulares realizadas polo Instituto Nóos, o chamado Proxecto Ayre, que tiña como propósito a consecución de 100 millóns de euros para patrocinar un barco que iría participar na Copa América.

Sempre segundo a información asinada por Alicia Gutiérrez, o xuíz recibiu arredor de 200 correos electrónicos.

Torres tería posto tamén en cuestión que a Casa Real se desvinculase realmente das prácticas irregulares de Urdangarín. De acordo coa súa versión, non é que a principios de 2006 lle pedisen que rachase con Nóos. O único que lle terían exixido sería que o seu nome non figurase en ningunha parte.

Comentarios