Apenas 20 camións de axuda chegan a Gaza despois de dúas semanas de asedio

A fronteira entre Gaza e Exipto volveu fechar mentres líderes mundiais negocian no Cairo.
Civís loitando a quinta feira para rescatar baixo os cascallos vítimas dun ataque israelí en Rafah, onde se sitúa o paso fronteirizo de Gaza con Exipto (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA).
photo_camera Civís loitando a quinta feira para rescatar baixo os cascallos vítimas dun ataque israelí en Rafah, onde se sitúa o paso fronteirizo de Gaza con Exipto (Foto: Abed Rahim Khatib / DPA).

Despois de case dúas semanas de asedio completo de Israel sobre a Faixa de Gaza, o paso de Rafah, a única fronteira de Gaza que non controla o Estado israelita, senón o de Exipto, abriu brevemente as súas portas este sábado para permitir a entrada da primeira remesa de axuda humanitaria desde o comezo da guerra.

Unha vintena de camións con “medicinas, instrumental médico e unha cantidade limitada de alimentos, principalmente comida enlatada”, segundo a Media Lúa Vermella (organización análoga á Cruz Vermella), atravesaron o cruce e descargaron o material en camións palestinos, a cal comezará o proceso de distribución no territorio.

Despois da entrega de material o paso volveu fechar as súas portas á espera dunha decisión posterior sobre o tránsito das persoas que levan días agardando cruzar a Exipto, entre elas estranxeiras e con dobre cidadanía, segundo reportou a CNN.

A apertura foi unha das principais prioridades dos negociadores internacionais e das organizacións humanitarias para facilitar asistencia inmediata a centos de miles de persoas sen acceso a medios esenciais de supervivencia no sur de Gaza. Porén, a axuda semella escasa despois de case dúas semanas de asedio completo, e numerosos camións continúan agardando na fronteira de Rafah.

Por este motivo, as axencias humanitarias piden que a entrada de axuda sexa fluída e constante dado que esta vintena de camións nin moito menos paliarán as necesidades máis básicas da poboación, segundo explicou a directora executiva do Programa Mundial de Alimentos, Cindy McCain, así como a representación da Media Lúa Vermella, que describiu esta operación como “unha gota no océano”.

Cimeira no Cairo

A breve apertura do paso de Rafah coincide coa cimeira no Cairo, a capital de Exipto, onde xefes e xefas de Estado e de Goberno, así como ministros e ministras de Exteriores de decenas de Estados, intentan mediar no conflito e consensuar unha posición sobre a axuda humanitaria.

Comentarios