martes 21.01.2020
ENTRA EN VIGOR O ACORDO CON TURQUíA

A UE féchalles as portas ás refuxiadas o día que morren dous bebés no Exeo

Este domingo entrou en vigor o pacto entre a UE e Turquía en virtude do cal as persoas refuxiadas serán expulsadas. Fíxoo da peor maneira posíbel: coincidindo coa morte de dúas nenas no Exeo cando trataban de chegar a Europa.

[Imaxe: ACNUR]
[Imaxe: ACNUR]

O día en que entrou en vigor o acordo entre a UE e Turquía –polo cal a UE enviará de volta as persoas refuxiadas que entren no seu territorio- dous bebés de un e dous anos de idade afogaron no mar Exeo ao caeren dunha embarcación perto da illa de Rodas.

En virtude do acordo, desde a pasada medianoite a fronteira marítima está fechada ás persoas refuxiadas que chegan a Grecia desde Turquía. Con este pacto, que viola as regulamentacións sobre os dereitos humanos,  a UE expulsa as refuxiadas que chegan ao seu territorio desde o país que goberna Tayyip Erdogan –quen xestionará 3.000 millóns de euros procedentes da UE e outros 3.000 millóns que recibirá en 2018-.

Segundo o acordo, todas as persoas refuxiadas que cheguen ás illas gregas serán deportadas unha por unha a Turquía. A cambio, os países da UE comprométense a reinstalar na zona unha persoa siria desde Turquía por cada unha que expulsen. O plan só abrangue 72.000 persoas. De excederse ese límite, o sistema “un por un” ficará suspendido.

A UE emprega como coartada o sistema “un por un” para esquivar os incumprimentos da lexislación internacional e para poder facer na práctica unha deportación colectiva en quente.

Condicións lamentábeis

A axencia de noticias EFE afirma que nas illas gregas ficaban esta mañá máis de 7.000 persoas refuxiadas do total de 48.141 que hai en toda Grecia. A maior aglomeración ten lugar no campamento de Idomeni, onde 12.000 persoas loitan por sobrevivir nunhas condicións paupérrimas agravadas polas chuvias.

O acordo entre a UE e Turquía non menciona as condicións inhumanas que sofren os milleiros de persoas atrapadas en Grecia, cuxo estado é cada día peor dado frío, a falta de comida e as enfermidades que, como a lameira, asolagan os campamentos.

comentarios