Hungría bloquea o paquete de 50.000 millóns de euros da UE para Ucraína

Moscova advirte que a ampliación desestabilizará o bloque comunitario.
zelenski_participa_reunion_jefes_estado
photo_camera Primeira xornada da cimeira do Consello Europeo, onte. (Foto: Consello Europeo)

Malia que finalmente Hungría cedeu no tocante ao comezo das conversas para a adhesión de Ucraína e Moldova á Unión Europea (UE), o primeiro ministro do Executivo de extrema dereita húngaro, Viktor Orbán, negouse a aceptar unha revisión do orzamento comunitario para incluír 50.000 millóns de euros en axuda financeira a Kíiv durante o período 2024-2027 na primeira xornada da reunión do Consello Europeo, que rematou na madrugada de hoxe.

Tras a falta de consenso, o debate sobre o paquete de axuda ficou atrasado até xaneiro e non se abordou no último día da cimeira, cuxa clausura está prevista hoxe, na que Orbán subliñou que non erguerá o veto até que se desconxelen 21.000 millóns de euros de fondos comunitarios para Hungría que a Comisión Europea ten bloqueados entre demandas a Budapest para que garanta a independencia xudicial.

24 horas antes do comezo do cumio, Bruxelas desbloqueou máis de 10.000 millóns de euros que retiña por ese mesmo motivo, após incidir Orbán en que non aceptaría as conversas para a integración de Ucraína.

Dúbidas sobre a entrada de Kíiv

En todo caso, advertiu de que as negociacións non implican que vaia aceptar chegado o momento a entrada de Kíiv no bloque comunitario. O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, afirmou que, aínda que a decisión do Consello Europeo busca “prexudicar Rusia”, se finalmente Ucraína e Moldova acceden á UE isto “desestabilizará” o organismo rexional.

OTAN

Asemade, Finlandia e os Estados Unidos asinarán a segunda feira un acordo de cooperación que permitirá aos militares de Washington, que lidera a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), despregarse no territorio nórdico.

Comentarios