Zelenski visita os Estados Unidos para reclamar máis armas

Para Moscova, a presenza do presidente ucraíno en territorio americano pode "recruar o conflito".
O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, arroupado por unha bandeira do seu país sustentada pola vicepresidenta dos EUA, Kamala Harris, e a líder do Congreso, Nancy Pelosi. (Foto: Carol Guzy / ZUMA Press Wire)
photo_camera O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, arroupado por unha bandeira do seu país sustentada pola vicepresidenta dos EUA, Kamala Harris, e a líder do Congreso, Nancy Pelosi. (Foto: Carol Guzy / ZUMA Press Wire)

"Armas, armas e máis armas", insistiu Mykhailo Podolyak, o principal asesor do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, ao debullar a Reuters os obxectivos da viaxe desta cuarta feira do mandatario aos Estados Unidos (EUA), a primeira saída ao estranxeiro desde a invasión rusa.

Esta solicitude chega a pesar de que Washington confirmou o envío de 1.700 millóns de euros adicionais en armamento a Kíiv, que inclúen o sistema de mísiles de longo alcance Patriot. Amais, o Congreso estadounidense prevé aprobar un paquete de asistencia de 42.000 millóns de euros, unha cifra semellante á enviada até o de agora.

Só en armamento entregou 25.000 millóns de euros, unha achega que se eleva até 36.000 se contamos a axuda militar total da alianza militar que lidera, a Organización do Tratado do Atlántico Norte.

Zelenski reuniuse ao chegar co presidente dos EUA, Joe Biden, antes de dirixirse ás e aos lexisladores nunha sesión conxunta no Congreso e manter varias xuntanzas bilaterais, despois das que está previsto o seu retorno a Ucraína.

Rusia avanza en Donetsk

Para Moscova, a presenza do presidente ucraíno en territorio americano pode "recruar o conflito", o que "non lle vai ben a Ucraína", sinalou o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov. Mentres, o portavoz do Ministerio de Defensa, Igor Konashenkov, comunicou que "no marco das accións ofensivas, tropas rusas ocuparon novas zonas elevadas e liñas en dirección a Donetsk".

Ao tempo, Tass informou de que o director do Organismo Internacional para a Enerxía Atómica, Rafael Grossi, estará hoxe en Rusia para debater "algúns puntos" arredor da creación dunha zona de seguridade na contorna da central nuclear de Zaporijia, bombardeada en múltiples ocasións por Kíiv.

Comentarios