O Kremlin fixa como obxectivos o Donbás, Khersón e Zaporijia

Intercambio de prisioneiros Moscova-Washington despois dunhas longas negociacións, mentres, Rusia delimita o alcance da invasión en Ucraína.
Jens Stoltenberg (OTAN), a quinta feira. (Foto: Terje Bendiksby / ntb / dpa)
photo_camera Jens Stoltenberg (OTAN), a quinta feira. (Foto: Terje Bendiksby / ntb / dpa)

“Non se discute” a incorporación de novos territorios á Federación rusa, asegurou a quinta feira o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, descartando repetir un proceso como o de finais de setembro, no que foron adheridos a Rusia os oblast ucraínos de Donetsk, Luhansk, Khersón e Zaporijia, após un referendo non recoñecido pola Organización das Nacións Unidas.

Peskov fixo fincapé en que “nas novas rexións aínda quedan territorios ocupados [polas Forzas Armadas ucraínas] que temos que liberar”, e insistiu en que o conflito “pode rematar mañá se Kíiv así o desexa”, en alusión ás condicións demandadas antes da invasión rusa, como a renuncia do Executivo que lidera Volodimir Zelenski a ingresar na Organización do Tratado do Atlántico Norte, a alianza militar liderada por Washington.

Pola súa parte, as autoridades de Kíiv informaron de que cando menos dúas persoas faleceron en bombardeos rusos na zona da rexión de Donetsk controlada por Ucraína. Segundo refiren medios especializados o groso dos combates está a producirse neste oblast, especificamente na contorna de Bakhmut.

Xa en Crimea, o gobernador de Sebastopol, Mikhail Razvozhaev, comunicou que un dron ucraíno foi derrubado sobre o mar Negro.

Ao tempo, o Ministerio de Asuntos Exteriores ruso confirmou un intercambio de prisioneiros cos Estados Unidos, que liberou a Viktor But, condenado por tráfico de armas polos norteamericanos, mentres que Rusia acabou coa sentenza en contra da deportista Brittney Griner por contrabando de aceite de cánabo.

A nivel diplomático, Moscova e Ancara indicaron que a quinta e sexta desenvolverán conversas en Istambul para analizar o estado do acordo de exportación de gran asinado con Kíiv, engadindo que abordarán á vez a situación en Siria, após as ameazas de Turquía dunha invasión terrestre ás zonas kurdas.

En Belarús, un dos principais aliados de Rusia, o presidente, Alexander Lukashenko, sancionou un Proxecto de lei de amnistía que beneficiará máis de 8.000 persoas. Máis da metade serán postas directamente en liberdade, e medios internacionais apuntan que poderá beneficiar as persoas apresadas a raíz da vaga de protestas no país 
en 2020.

Entrementres, nos países bálticos Estonia e Lituania acabaron por se unir á prohibición da cadea privada rusa TV Rain, non relacionada co Kremlin e considerada opositora, decretada nun primeiro momento por Letonia por supostamente apoiar o Exército ruso e amosar un mapa de Rusia que incluía Crimea.

Comentarios