Ucraína reclama prohibir a entrada de cidadanía rusa no resto do mundo

Reciben 1.000 millóns de euros en armas dos EUA.
Volodimir Zelenski. (Foto: Presidencia de Ucraína)
photo_camera Volodimir Zelenski. (Foto: Presidencia de Ucraína)

"Hai que obrigar os rusos a volver a Rusia", solicitou esta terza feira o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, que pediu á comunidade internacional que as sancións repercutan directamente na poboación de Rusia.

"Eles din que esta guerra non ten nada que ver con eles e que a poboación non é responsábel, pero a poboación elixiu este Goberno e non está loitando contra el nin contra a guerra", asegurou.

Andriy Yermak, xefe da oficina da Presidencia, reiterou que visitar Europa (continente ao que tamén pertence Rusia) "é un privilexio, non un dereito". "O máis probábel é que neste caso a irracionalidade do pensamento estea polas nubes", contestou o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov.

Con todo, Estonia, Letonia e Finlandia apoiaron que se prohiba á cidadanía rusa entrar para facer turismo neses países, mentres que a Comisión Europea non quixo comentar a proposta, mais indicou que "é importante saber que os Estados membros teñen espazo de manobra para emitir visados de longa estancia en base á súa lexislación nacional".

Novo envío de armas dos EUA

Ademais, Zelenski agradeceu aos Estados Unidos o novo paquete de axuda militar anunciado polo Executivo que preside Joe Biden, que suma 1.000 millóns de euros en armamento, alcanzando desde finais de febreiro os 9.000 millóns de euros en armas enviadas a Ucraína. Un documental da CBS revelou que apenas 30% desas armas chegan ao país pola corrupción e os traficantes de armas.

Corte da subministración

No que atinxe á subministración enerxética, a rusa Transneft fixo público onte que Ucraína cortou o paso polo gasoduto que alimentaba Hungría, Chequia e Eslovaquia o pasado 4 de agosto, ao non aceptar o operador Ukrtransnafta o pago de Moscova polo tránsito, o que xustificou polas sancións da Unión Europea a Rusia.

Asemade, continúa o temor por un "desastre nuclear", ratificou o Organismo Internacional de Enerxía Atómica, tras o bombardeo ucraíno á central nuclear máis grande de Europa, a de Zaporiyia, controlada nestes momentos polas tropas rusas.

Romanía, situada a 700 km da central, pediu na segunda feira á poboación menor de 40 anos -a máis exposta a ter cancro e lesións nas tiroides pola radiación- que se presente nas farmacias o máis rápido posíbel para conseguir pastillas de iodo, que poderán adquirir de forma gratuíta.

Comentarios