Turquía e Hungría xeran incerteza sobre a súa ratificación da adhesión de Suecia á OTAN

Stoltenberg mostra optimismo sobre a ratificación de Erdogan da adhesión de Suecia á OTAN.
Jens Stoltenberg (Foto: NATO / dpa).
photo_camera Jens Stoltenberg (Foto: NATO / dpa).

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, asegurou esta quinta feira que o compromiso de Turquía para desbloquear a adhesión de Suecia á alianza militar e finalizar o seu protocolo de adhesión este outono segue vixente, segundo tería asegurado o ministro turco de Defensa, Yasar Guler, aos Estados da organización.

"Celebro que o ministro de Defensa de Turquía declarase claramente que o país apoia o acordo de Vilna, incluída a necesidade de garantir a ratificación", afirmou Stoltenberg ao remate dunha reunión en Bélxica.

O tamén ex primeiro ministro noruegués recalcou a necesidade dunha "rápida ratificación" da adhesión de Suecia, algo que respaldaron na reunión todos os membros da OTAN salvo Turquía e Hungría, os dous únicos Estados pendentes de dar o si.

"Así o expresei eu mesmo, e tamén me referín ao acordo de Vilna, onde se dicía claramente que Turquía ía presentar os documentos de adhesión e traballar co Parlamento para garantir a ratificación", indicou en referencia ao pacto logrado na cimeira de líderes da OTAN en Lituania.

Naquela altura, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, comprometeuse a avanzar na cuestión, un ano despois do acordo trilateral asinado con Finlandia e Suecia para garantir a persecución do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) nestes Estados nórdicos.

Hungría tampouco completou o trámite de admisión da entrada de Suecia na OTAN, se ben a alianza confía na afirmación de Budapest, que defendeu que non será o último aliado en dar o visto bo, polo que entende que non porá problemas para a ratificación de Estocolmo na alianza.

Fontes aliadas transmiten certo optimismo na posibilidade de que Suecia sexa o membro 32 da OTAN para finais de novembro. 

Comentarios