Estados da OTAN anuncian axuda bélica ante as dúbidas de Zelenski sobre o apoio militar

Varios aliados prometen grandes arsenais a Ucraína.
Volodimir Zelenski (Ucraína) e Jens Stoltenberg (OTAN), esta cuarta feira (OTAN / DPA).
photo_camera Volodimir Zelenski (Ucraína) e Jens Stoltenberg (OTAN), esta cuarta feira (OTAN / DPA).

O Ministerio de Defensa alemán anunciou esta cuarta feira o envío de mísiles, tanques, munición de artillaría e sistemas de defensa aérea e naval por valor de máis de 940 millóns de euros a Ucraína.

Ademais, o primeiro ministro de Bélxica, Alexander de Croo, comprometeuse esta cuarta feira, coincidindo coa visita sorpresa do presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, a este Estado, a enviar 1.700 millóns de euros en 2024 procedentes dos activos rusos conxelados e a cortar o acceso de diamantes chegados de Rusia a mercado belga. 

Así mesmo, De Croo afirmou que fornecerá, de seguir no Goberno, avións de combate F-16 a Ucraína a partir de 2025, seguindo o exemplo das promesas de Países Baixos (de 42 aparatos) e Dinamarca (de 19 avións), que prevén realizar antes estes envíos, a comezos do ano 2024.

Pola súa parte, o Departamento de Defensa dos Estados Unidos de América confirmou esta cuarta feira un novo paquete de armamento para o Exército de Ucraína valorado en case 190 millóns de euros e que inclúe mísiles antiaéreos e equipos contra vehículos aéreos non tripulados (drones).

Finlandia tamén anunciou un novo paquete de axuda militar a Kíiv, valorado en 95 millóns de euros, o décimo noveno desde o inicio da invasión rusa de Ucraína en febreiro de 2022.

Visita sorpresa de Zelenski

Os aliados de Ucraína, concentrados no grupo de Ramstein, reuníronse esta cuarta feira en Bélxica. Á reunión acudiu Zelenski por sorpresa, que expresou as dúbidas do seu Goberno sobre a axuda militar que recibirá a curto e medio prazo ao estar o conflito en Israel e Palestina no albo da actualidade máis inmediata. A preocupación do presidente ucraíno foi acalada polos anuncios de millóns de euros en armamento dos seus aliados.

Noutra orde de cousas, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, prometeu unha "resposta decidida" da Alianza Atlántica no caso de que sexa probado que o accidente acontecido nun gasoduto finlandés foi froito dunha sabotaxe. 

Comentarios