Trump ameaza con retirar a "protección" dos Estados Unidos a países da OTAN: "Animaría a Rusia a facer o que quixese"

"Calquera suxestión de que os aliados non se defenderán mutuamente socava toda a nosa seguridade", declarou o Secretario Xeral da OTAN en resposta ás palabras do expresidente.
Stoltenberg e Trump saúdanse durante un cumio da OTAN en Bruxelas, en 2018. (Foto: Europa Press)
photo_camera Stoltenberg e Trump saúdanse durante un cumio da OTAN en Bruxelas, en 2018. (Foto: Europa Press)

O expresidente dos Estados Unidos, Donald Trump, proclamou esta fin de semana que ameazou a aliados da OTAN con retirar a "protección" de Estados Unidos fronte a un hipotético ataque ruso se non cumpren coas achegas que o entón presidente consideraba obrigatorias sobre o 2 % do PIB, porcentaxe que a Alianza estabeleceu como cifra indicativa.

Trump fixo estes comentarios durante un mitin en Carolina do Sur, onde reiterou as súas constantes queixas pola falta de contribución dos aliados da OTAN que mantivo durante a súa presidencia. O expresidente, que sempre defendeu que Estados Unidos asumiu unha carga económica esaxerada, describiu unha reunión cun presidente ao que garantiu que "Estados Unidos en ningún caso ía protexer" a países que non aportasen o que o magnate consideraba. apropiado.

"É máis, díxenlle que animaría a Rusia a facer o que quixese. Aquí págase", declarou Trump, en comentarios que foron repudiados tanto pola Casa Branca como polo secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, sobre todo ante a posibilidade de que o magnate poida gañar de novo as eleccións presidenciais de novembro deste ano, o que suporía un retorno ás tensións coa organización.

Reacción de Stoltenberg

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, acusou este domingo ao expresidente dos Estados Unidos, Donald Trump, de "minar a seguridade" dos países da Alianza Atlántica, tras ameazar con non protexer aos membros do bloque que non destinan diñeiro suficiente á defensa colectiva. 

"Calquera suxestión de que os aliados non se defenderán mutuamente socava toda a nosa seguridade, incluída a dos Estados Unidos, e pon en maior risco aos soldados estadounidenses e europeos", dixo Stoltenberg nun comunicado de prensa.

Subliñou,ademais, que a OTAN "segue preparada para defender todos os aliados" e advertiu de que "calquera ataque" contra algún dos seus membros "será respondido cunha resposta unida e contundente", seguindo o principio de defensa colectiva que se recolle no artigo 5 do Tratado do Atlántico.

Pola súa parte, o portavoz presidencial de Estados Unidos, Andrew Bates, reprochou a Trump que "animar réximes asasinos a invadir os nosos aliados máis próximos son palabras lamentábeis e de perturbado" que "poñen en perigo a seguridade e a estabilidade global dos Estados Unidos".

Comentarios